A Concepción de Cidadanía en Aristóteles: Ética, Política e a Busca da Felicidade
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,53 KB
A Concepción de Cidadanía en Aristóteles
A idea de cidadán en Aristóteles.
A ética e a política son ciencias prácticas, xa que se ocupan das accións que podemos realizar os seres humanos. A ética ocúpase do ben do individuo, mentres que a política do ben da comunidade. Aristóteles considerará a política superior á ética.
Aristóteles admite que cada quen entende a felicidade á súa maneira, pero el rexeita todas as posturas, xa que considera que non son máis que bens externos que non son perseguidos por si mesmos, senón que son medios para acadar a felicidade. O ben supremo para cada ser consistirá en realizar a función que lle é propia. A maior felicidade atoparémola na vida contemplativa adicada ao saber.
Considera que non debemos buscar a definición de felicidade en termos absolutos como facía Platón, senón que debemos buscala na propia actividade humana, todos os seres teñen por natureza unha actividade propia.
Para exercitar ben a actividade racional, deberemos cultivar o que Aristóteles chama virtudes dianoéticas. A virtude é a habilidade para acadar a excelencia nunha actividade determinada. As virtudes dianoéticas serán aquelas que nos fagan acadar a excelencia na actividade racional. Estas virtudes son sobre todo a sabedoría e a prudencia. Unha persoa que non exercite estas capacidades deixa de realizar a máis xenuína actividade humana, polo tanto, está incompleta e é pouco probable que poida ser realmente feliz.
As virtudes éticas non poden definirse de xeito absoluto, senón que deben adaptarse a cada persoa en concreto. Para adquirilas non é suficiente co seu coñecemento, senón que é preciso o seu exercicio para que se establezan como hábitos. Aristóteles na súa ética parte da experiencia, da práctica moral: as virtudes éticas adquírense a través do costume ou hábito, o carácter fórxase coa práctica.
De entre todas as virtudes éticas, destaca:
- Xustiza distributiva.
- Xustiza conmutativa.
- Xustiza retributiva.
Aristóteles séguese preocupando pola vida social e adicando os seus esforzos a buscar solucións para a convivencia sen perder as características da polis, agora en crise. Para Aristóteles, o ben do individuo é inseparable do ben da polis, agora ben, o ben da polis é superior xa que só na polis acadará o individuo a súa perfección ética. A política é a ciencia principal. Para Aristóteles, non todos os que viven na polis son cidadáns. Cidadán é aquel que participa na administración dos asuntos públicos.
A orixe da sociedade é natural e o home é un animal político por natureza. A razón pola que o home é un animal político en maior grao que calquera animal é que o home é o único entre os animais que posúe o don da linguaxe. Só a linguaxe permite comunicar aspectos racionais propios do ser humano.
A forma básica de asociación é a familia. A aldea vén a ser unha extensión da familia, e a asociación de aldeas constitúe a polis, a forma de sociedade perfecta e autosuficiente e, polo tanto, o marco para a realización dunha vida perfecta. Porque os homes se asocian non só para vivir, senón para vivir ben, e a vida boa esixe tanto o benestar material como o perfeccionamento moral. A finalidade do Estado é moral, e debe ter como fin o incremento da virtude dos cidadáns. O propósito da vida política, o fin último que debe perseguir o Estado, é proporcionar ás persoas unha vida boa e feliz. O ben individual depende do ben común.