De la Dictadura a la Democracia: La Constitución Española y las Autonomías
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 7,76 KB
As novas Cortes e a Constitución
Por máis que as eleccións de xuño non tiveron un carácter constituínte, os deputados tomaron como primeira tarefa a elaboración dunha constitución sen exclusións. O 22 de xullo de 1977 o rei presidía a apertura oficial cun discurso centrado na soberanía conquistada, na convivencia democrática e na defensa das diferenzas rexionais dentro da indisoluble unidade de España. Desmantelado o réxime anterior, iniciábase un período lexislativo e constituínte á vez. A Comisión de Asuntos Constitucionais do Congreso foi a encargada de elaborar unha constitución consensuada por sete dos seus membros (pertencentes a UCD, PSOE, PCE, AP e Minoría Catalá), os relatores comisionados para redactala.
O Congreso e o Senado aprobaron o texto constitucional o 31 de outubro de 1978 nunha sesión conxunta. O 6 de decembro de 1978 a constitución someteuse a referendo tras unha intensa campaña favorable ao si. Votou o 67 % do electorado censado e foi aprobada polo 87 % dos votantes. Tras ser sancionada polo rei e publicada no Boletín Oficial do Estado, disolvíanse as Cortes e convocábanse novas eleccións lexislativas.
A carta magna recollía nos seus 169 artigos as características esenciais das democracias occidentais e do constitucionalismo español co fin de establecer unha «sociedade democrática avanzada». O articulado do Título Preliminar definía España como un «Estado social e democrático de Dereito que propugna como valores superiores do seu ordenamento Xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político». A liberdade convertíase no valor de valores. Proclamaba que «a soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado», e que a súa forma política «é a monarquía parlamentaria». Fundamentábase na «indisoluble unidade da Nación española», ao mesmo tempo que recoñecía e protexía «o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran».
A constitución garantía nos seus distintos artigos os dereitos humanos e as liberdades conforme á Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a igualdade de todos os españois ante a lei; abolía a pena de morte, excepto en aspectos concretos da xurisdición militar; establecía un Estado aconfesional; garantía a liberdade de ensinanza, de mercado, relixiosa e de culto e ideolóxica, e os dereitos á vida, á propiedade privada, á folga e á educación, entre outros puntos. Fixaba a maioría de idade nos 18 anos. As liberdades e os dereitos quedaban protexidos polo Defensor do Pobo, o Tribunal Constitucional e o poder xudicial.
O texto constitucional establecía a separación e independencia dos tres poderes fundamentais do Estado:
- O lexislativo radicaba nas Cortes, formadas por dúas cámaras, Congreso e Senado, elixidas por sufraxio universal directo e secreto. Ambas son depositarias da soberanía nacional e elaboran as leis.
- O executivo recaía no goberno, que dirixe a política interior e exterior e ten poder de presentar proxectos de lei ás Cortes. As cámaras, á súa vez, controlan o executivo a través da investidura* e as mocións de censura.
- O xudicial estaba en mans de xuíces e maxistrados independentes que administran a xustiza que «emana do pobo» a través das leis.
A xénese do Estado autonómico
A defensa dunha España unida e centralizada foi unha das ideas esenciais do franquismo, que perseguiu determinadas manifestacións dos sinais de identidade rexionais. Na súa etapa final numerosas manifestacións reclamaron o recoñecemento dos nacionalismos históricos. Estas reclamacións aumentaron tras a morte do ditador.
Recollendo este sentir, e mentres se elaboraba a constitución, goberno e oposición iniciaron o proceso preautonómico e a descentralización do Estado para as rexións que o solicitasen. Tras o éxito da Diada en Cataluña o 11 de setembro de 1977, Adolfo Suárez pactou co líder nacionalista Josep Tarradellas a súa volta do exilio e o restablecemento provisional da Generalitat por decreto lei. Tarradellas convertíase no primeiro presidente da nova Generalitat, ao tempo que se traballaba nun proxecto de estatuto de autonomía e se negociaban os primeiros traspasos de competencias.
No País Vasco houbo certo atraso a causa do terrorismo de ETA e porque o nacionalismo vasco foi moito máis radical e esixía incorporar Navarra á soberanía vasca. Os obstáculos non impediron que se aprobase en xaneiro de 1978 o Consello Xeral Vasco presidido por Ramón Rubial e que se elaborase o proxecto de estatuto.
Coa constitución, ambos os estatutos foron aprobados polas Cortes e referendados o 25 de outubro de 1979 nos seus respectivos territorios. En Cataluña votou o 59,7 % do censo e fíxoo afirmativamente o 88 %. No País Vasco, Herri Batasuna (HB), brazo político de ETA, pediu a abstención, aínda así votou o 50 % dos vascos, e deles o 90 % fixoo a favor. En marzo de 1980 Cataluña e o País Vasco celebraron as súas primeiras eleccións autonómicas.
Ao longo de 1978 creáronse por decreto lei os entes preautonómicos de Asturias, Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Andalucía, Murcia, Valencia, Illas Canarias e Illas Baleares. A xeneralización do proceso deu lugar a improvisacións que respondían máis a intereses políticos ca a formulacións históricas ou nacionalistas.
O Estado das autonomías
O capítulo terceiro do Título VIII da constitución recollía e regulaba a nova organización autonómica. Foi un título moi discutido e ambiguo desde o punto de vista xurídico-político, porque deixaba sen resolver a distribución de competencias. Non obstante, satisfixo a cataláns e vascos ao introducir o termo nacionalidade e non desagradou a cantos pedían o recoñecemento da identidade propia dos seus territorios.
A nova organización do Estado posibilitaba que todos os territorios se organizasen como entes autonómicos, seguindo o modelo catalán e vasco. O Senado quedaba como unha cámara territorial, aínda que as súas facultades eran poucas. Así, a descentralización do Estado deu paso a unha vertebración territorial distinta e a un novo mapa político en que España pasaba a ter 17 Comunidades entre 1977 e 1983, e mais as Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla.
Na constitución estaban previstas dúas vías de acceso á autonomía:
- A do artigo 151 para as nacionalidades históricas como Cataluña, o País Vasco e Galicia. Esta vía permitía alcanzar un maior autogoberno e a ela podían acceder o resto de autonomías, sempre que a petición estivese apoiada pola maioría da poboación da rexión. Este foi o caso de Andalucía, que recorreu ao referendo para conseguir os mesmos dereitos ca as nacionalidades históricas.
- A do artigo 143 para o resto de rexións cun teito de competencias menor. Non obstante, algunhas rexións, Valencia e Canarias, por exemplo, alcanzaron a plena autonomía por este camiño.
Co fin de ordenar todo o desenvolvemento autonómico, o goberno de UCD e o PSOE pactaron a Lei Orgánica de Ordenación e Harmonización do Proceso Autonómico (LOAPA) en 1982. Os nacionalistas cataláns e vascos recorrérona ante o Tribunal Constitucional, que declarou inconstitucional 14 dos seus 38 artigos. O proceso autonómico quedou encamiñado, pero aberto pola ambigüidade de determinadas competencias. Co paso do tempo e cos novos estatutos que se foron elaborando, a situación deu orixe a problemas cada vez máis complexos que se reflectiron nos frecuentes recursos ao Tribunal Constitucional tanto por parte do estado central coma das Comunidades Autónomas.