Eduardo Pondal: O Bardo Celta e a Fundación da Poesía Galega Moderna
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,74 KB
Eduardo Pondal Abente
Primeiro poeta galego. Inaugura o independentismo cultural e estético que converte a literatura galega nun discurso autonómico e emancipado do castelán. Representa a corrente europea de transformación e renovación da arte literaria, desde postulados posrománticos ata o movemento simbolista.
En Galicia, a escola formalista ou idealista manterá intacto o compromiso ideolóxico. Pondal recrea literariamente o pasado histórico de Galicia, elabora un mundo poético de ton épico, con personaxes dunha forte carga simbólica (bardos, guerreiros, etc.), nunha terra onde os elementos da paisaxe adquiren valores connotativos que determinan e realzan as calidades humanas, impulsado polo celtismo como causa galeguista.
Vida
(Ponteceso, Bergantiños, 1835 - A Coruña, 1917). De orixe fidalga, foi solteiro vitalicio e viviu de rendas coa fortuna que o seu pai fixo en América. En 1848 comezou a estudar Bacharelato en Santiago de Compostela e, entre 1854 e 1860, cursou a carreira de Medicina. Foi médico militar, posto que abandonou en 1864. Residiu na Coruña ata a súa morte. Sendo universitario participou nas actividades do Liceo de la Juventud e no banquete de Conxo de 1856 (onde leu un poema que escandalizou a conservadora sociedade compostelá). Participou na Cova Céltica.
Obra
Primeira Etapa (1854-1868)
Caracterizada por unha tendencia romántica cunha sensible influencia clasicista. Escribiu en galego e castelán: a primeira versión de Os Eoas e o poema «A campana de Anllóns», o cal presentou nos Xogos Florais de 1861 na Coruña e logo se publicou no Álbum de la Caridad.
Segunda Etapa (1877-1886)
Marcada polo Rexionalismo (influencia da Cova Céltica) e o bardismo. Pondal asume o papel de bardo do pobo galego e difunde mediante o seu canto poético a ideoloxía galeguista baseada no mito do celtismo. Obras destacadas:
- Rumores de los pinos (1877): Versión inicial e bilingüe da seguinte obra.
- Queixumes dos pinos (1886): A súa obra mestra.
- Volveu reelaborar Os Eoas, adaptándoa aos postulados do galeguismo da Cova Céltica.
- Tamén escribiu unha serie de poemas soltos.
Os Eoas
A primeira versión inscríbese no provincialismo, mentres que a segunda adáptase á ideoloxía rexionalista. Na historia da literatura galega, representa unha importante proba de forza para a consolidación do galego. Na historia do galeguismo, é unha sólida tentativa ideolóxica para a conformación dunha epopea nacional. Ficou inédita, agás a primeira versión.
Queixumes dos pinos
É a súa obra máis importante. Con ela conságrase como o bardo do pobo galego, asumindo a responsabilidade de mostrar o camiño de redención (liberación) á adormecida xente de Breogán. Supón un avance na estética pondaliana cara ao simbolismo idealizante.
Estilo
- Versos de variada medida e combinacións estróficas da tradición clásica. Versificación sistemática e pouco flexible.
- Interpretación simbólica da natureza en clave heroica.
- Humanización da paisaxe galega, sobre todo Bergantiños; moitos dos seus personaxes son designados polos topónimos desta comarca.
- Emprego da dicotomía forza-febleza (tío-tía).
- Emprego de epítetos que substitúen a certos substantivos.
Fontes literarias de Pondal
- Literatura clásica greco-latina: Da grega toma personaxes e o ton poético solemne e elevado; da latina, a elaboración formal da súa poesía.
- Renacemento: Literatura renacentista italiana e portuguesa.
- Romanticismo: A máis importante, especialmente o celtismo a través de James Macpherson e a súa suposta recreación duns poemas en lingua gaélica compostos por un bardo escocés (Ossian).
O galego de Pondal
Esforzouse por crear un modelo de lingua literaria que se adecuase ao tipo de poesía culta, elaborada e heroica que el escribía. Parte do galego da zona de Bergantiños, ennobrecéndoo coa depuración de castelanismos e a introdución de numerosos cultismos de orixe grega e latina. Os castelanismos en Queixumes dos pinos son anecdóticos. Prefire a terminación -zón a -ción.
Importancia de Pondal na literatura galega
Representa na literatura galega a reacción idealista finisecular fronte á estética realista. Preocupouse por depurar e dignificar a lingua galega para a poesía culta. Destaca pola forza evocativa das súas imaxes e símbolos e pola novidade do seu discurso poético.