Entendendo as Relacións de Parentesco: Liñaxes, Filiación e Matrimonio

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 7,03 KB

As Relacións de Parentesco

O grupo de individuos relacionados entre si bioloxicamente denomínase liñaxe. Todos os individuos pertencentes a unha liñaxe son parentes entre si. Pero tamén se consideran parentes aqueles individuos que manteñen unha relación por afinidade baseada na relación que se mantén a través do matrimonio ou outras formas culturais de establecer parellas. Outros parentes son tamén parentes por convencións ou parentescos ficticios. Estes non teñen relación biolóxica nin de afinidade, pero teñen unha relación social que actúa como se existise esa relación biolóxica, como no caso dos fillos adoptados, dos padriños…

Liñaxe e Filiación

A liñaxe ten moita importancia nalgunhas sociedades que basean a súa estrutura social na filiación. Chámanse grupos de filiación aqueles aos que se pertence desde o nacemento e que teñen como función básica transmitir dereitos e deberes de acordo cun status. A forma en que as sociedades establecen a filiación varía segundo as culturas.

Tipos de Filiación

  • Unilineal: A filiación establécese a través dun só proxenitor.
    • A través do pai chámase patrilineal.
    • Se o estatus se transmite a través da nai é matrilineal. Nas sociedades matrilineais pode ser a nai a cabeza de familia, ou ben só conducir a herdanza e deixar o papel de cabeza de familia a un irmán seu. Este último caso é o avunculado.

    As causas da predominancia dos sistemas patrilineais hai que buscalas nas diferenzas en forza física entre homes e mulleres. A maior adaptación á guerra e ao monopolio que exerceron sobre as armas deron o poder e o status aos homes nas sociedades de bandas e guerreiras. As sociedades pouco belicosas son máis igualitarias en canto ao xénero. As sociedades matrilineais poden darse naquelas sociedades nas que a guerra está distante e, xa que logo, o home está ausente e excluído da vida doméstica e a produción. Nos estados máis avanzados de civilización o status da muller depende do seu papel nos procesos produtivos.

    Os sistemas de filiación unilineal separan aos fillos de irmáns de sexo oposto en categorías diferentes e fan unha distinción entre primos paralelos ou fillos dos irmáns do mesmo sexo de cada pai de Ego e primos cruzados ou fillos dos irmáns de sexo oposto a cada pai de Ego. Os sistemas de filiación unilineal tamén distinguen entre parentes lineais e parentes colaterais. Un parente lineal é un ascendente ou descendente directo de Ego mentres que un colateral é o descendente dos irmáns ou descendente dun dos parentes lineais.

  • Bilineal ou Dual: A filiación provén dos dous proxenitores con dereitos e deberes diferentes respecto de cada grupo de parentes. O sistema dual é moi raro. Predomina nas sociedades máis sinxelas de cazadores-recolectores.
  • Cognaticio: Acepta como parentes todos os relacionados co pai e a nai.
    • Sistema Bilineal: Traza unha rede de parentesco centrada en Ego a través de ambos os pais, producindo unha rede ou parentela.
    • Sistema Ambilineal: Ego selecciona os membros do grupo da nai ou do pai que constitúen a súa liñaxe. Supón unha elección por parte do individuo.

As Relacións de Afinidade

A outra forma de establecer o parentesco é a través de lazos de afinidade. Non son vínculos biolóxicos senón contractuais. Estes contratos poden ser formais ou informais. Case todas as sociedades teñen algunha forma legal, social ou cultural de establecer os vínculos entre parellas que teñen como obxectivo a convivencia, a axuda mutua para a supervivencia e/ou a reprodución. É o matrimonio.

Tipos de Matrimonio

Atendendo ao número de persoas, o matrimonio pode ser monógamo ou poliándrico. Case todas as sociedades son monógamas, fundamentalmente porque a monogamia garante a claridade da liñaxe e simplifica o sistema de herdanzas. A práctica da polixinia é habitual na cultura islámica. A institucionalización da polixinia vén determinada polo déficit de homes en idade reprodutiva, frecuentemente despois dunha guerra. A poliandria é unha forma de relación familiar moi escasa. Son poboacións na que hai exceso de homes en relación ao número de mulleres, case sempre ocasionado polo infanticidio feminino.

Atendendo ás regras para establecer o matrimonio podemos falar de matrimonio exógamo, endógamo ou homógamo. A exogamia é a regra de buscar cónxuxe fóra do propio grupo. Unha norma que pretende reforzar a exogamia é o tabú do incesto, presente en todas as sociedades. As explicacións desta presenza universal foron de dúas clases: biolóxica e funcional. A explicación biolóxica estaría nas consecuencias beneficiosas para a evolución da especie e a evitación de enfermidades. A explicación funcional incide no beneficio social que se obtén de manter a regra da exogamia, tanto pola achega de recursos como pola claridade dos roles na familia.

A endogamia, pola contra, obriga a casar dentro do grupo ao que se pertence. A homogamia consiste en casar con alguén similar en status ou categoría social. Normalmente serve para concentrar a riqueza ou para reforzar o sistema de estratificación social. En xeral os casos de homogamia restrínxense a un grupo seleccionado da sociedade, o que os sitúa por riba da regra xeral.

As Regras de Residencia

Segundo a residencia do novo matrimonio pódese distinguir:

  • Residencia Neolocal: Cada cónxuxe abandona o domicilio familiar orixinal e crean xuntos un novo.
  • Residencia Patrilocal: Despois do matrimonio o home permanece na súa casa de orixe e leva a vivir a esposa con el. Os fillos pertencen á casa do pai e as fillas deben abandonar o fogar paterno ao casaren.
  • Residencia Matrilocal: Despois do matrimonio a muller permanece na súa casa de orixe e o esposo vai vivir con ela. Cando os fillos homes casan saen da casa materna e van vivir coa muller.
  • Residencia Matrifocal: Forma de residencia na que o home está ausente e a organización da familia nuclear arredor da nai.
  • Residencia Avunculocal: O domicilio despois do matrimonio comeza co traslado da esposa á casa do marido. Cando os fillos son adultos, os de sexo masculino van vivir co irmán da súa nai, mentres que as fillas permanecen coa nai ata que casan.
  • Residencia Ambilocal: A parella decide no momento do matrimonio se residen na casa de orixe do marido ou da muller.
  • Residencia Natalocal: Os cónxuxes despois de contraer matrimonio seguen residindo cada un coa súa familia de orixe. Os fillos do matrimonio quedan coa nai ao longo da súa vida.

Entradas relacionadas: