Explorando a Nova Narrativa Galega: Características, Autores e Temáticas
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,55 KB
A Nova Narrativa Galega (NNG)
A Nova Narrativa Galega (NNG) orixinouse nas décadas dos anos 1950 e 1960, nun período convulso e dinámico non só no contexto galego, senón tamén no europeo. Produciu grandes cambios nas manifestacións artísticas e marcou a evolución dos anos seguintes.
Características da NNG
Podemos definir a NNG como un movemento de renovación formal e temática que supuxo o emprego duns xeitos de narrar modernos. Os autores convértense nunha xeración literaria que adaptará a literatura galega ás correntes máis modernas e a escritores de fama mundial como Kafka, Faulkner, James Joyce e John Dos Passos, entre outros.
Características Principais
- Argumento: Desaparece a historia argumental, non existe a estrutura tradicional de presentación, nó e desenlace. O argumento limítase a unha sucesión de acontecementos cotiáns na vida do personaxe, por veces incoherentes. Gusto pola narración obxectiva da realidade ao xeito dunha filmación cinematográfica sen apenas presenza do narrador. Diálogos absurdos e incoherentes.
- Os personaxes: Son antiheroes. Son seres anónimos que viven unha existencia monótona da que se nos narran situacións triviais.
- Temática: Afástase do ruralismo, do costumismo e da realidade, para centrarse na morte e en estados psicolóxicos de todo tipo: loucura, os soños, desdobramento da personalidade, o que implica un estado angustioso no personaxe unido moitas veces á soidade e á dor existencial.
- Espazo: Son frecuentes os espazos pechados, case claustrofóbicos, en contraposición con escenarios moi amplos. Adoita haber dous planos, o da realidade e o do mundo fantástico (influencias de Kafka).
- Tempo: Non é lineal. Un tempo distorsionado e con saltos (analepse e prolepse).
- O obxectalismo: Moi frecuente que a obra dea un protagonismo excesivo aos obxectos, que son descritos de forma detallada coma se o narrador fose unha cámara cinematográfica. Isto provoca que desapareza a acción e tamén o personaxe, os seus valores humanos e os seus sentimentos. Esta técnica é propia da Nouveau Roman Francesa.
Autores Destacados
Xosé Luis Méndez Ferrín
A súa obra caracterízase polos seguintes trazos:
- Constante relación da realidade coa fantasía. As súas historias convértense en fábulas cheas de simbolismo que se desenvolven nun ambiente angustioso, opresivo e, a miúdo, terrorífico.
- Reconstrución dun pasado histórico mítico; celta e medieval.
- Presenza de distintas formas de violencia, elemento que adoita determinar as relacións humanas.
- Emprego de topónimos e antropónimos sonoros e evocadores (Roan, Grieih, Tagen Ata, etc.).
- Simboloxía persoal recorrente; insectos, camiños, fiestras,…
Destacamos as obras: “Percival e outras historias”, “O crepúsculo e as formigas”, “Retorno a Tagem Ata”, “Arrabaldo do Norte”, “Amor de Artur”, “Arnoia, Arnoia”.
Carlos Casares
A súa obra narrativa divídese en dúas etapas:
- Primeira etapa: caracterízase pola renovación formal propia da Nova Narrativa Galega. Algunhas obras son:
- “Vento ferido”. Os personaxes sofren situacións de violencia e sufrimento debido á opresión social dun ambiente social abafante.
- “Xoguetes para un tempo prohibido”, temática autobiográfica, experimenta coas rupturas temporais e con distintos puntos de vista narrativos.
- Segunda etapa: temática realista e histórica; se ben o elemento fantástico tamén aparece nalgunhas obras. Algunhas obras:
- “Os escuros soños de Clio”, narracións de base pseudohistórica. Outras obras son “Ilustrísima” e “Deus sentado nun sillón azul”.
Xosé Neira Vilas
Escribe unha narrativa realista en que predominan as formas tradicionais de narrar; aínda que nalgunha das súas obras emprega formas innovadoras. A súa obra posúe dous núcleos temáticos:
- Retrato do mundo rural, cheo de desigualdades sociais, miseria e violencia. Dende o punto de vista infantil. Na obra, “Memorias dun neno labrego” faino a través dun neno; na obra, “Xente no rodicio” faino a través de varios personaxes adultos.
- O mundo da emigración galega a América. Nestas obras reflexa as dificultades económicas e sociais deste colectivo; destaca o libro “Memorias de emigrantes”.