Fundamentos da Lingua e Literatura Galega: Comunicación, Historia e Lírica Medieval

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 17,78 KB

Tipos de Texto Xornalístico

Distínguense principalmente en:

  • Textos informativos: Ofrecen datos e feitos de interese.
  • Textos de opinión: Inclúen valoracións e xuízos.

Xéneros Informativos

  • Noticia: Relato breve dun suceso recente de actualidade, desde un punto de vista obxectivo.
  • Reportaxe: Combina a información coas descricións e interpretacións dos feitos. O punto de vista adoita combinar elementos obxectivos e subxectivos.

Xéneros de Opinión

  • Crítica: Cumpre o labor de interpretación de acontecementos culturais; informa, orienta e educa os lectores.
  • Artigo de opinión: Emítense opinións sobre temas de actualidade.
  • Columnas persoais: Espazos reservados polos xornais e revistas a escritores de prestixio e que adoitan ter unha periodicidade regular.

Funcións da Lingua (no Contexto Social)

  • Función de identidade
  • Familiar
  • Laboral
  • Local
  • Institucional
  • Internacional
  • Conflito e diglosia
  • Bilingüismo

Linguaxe e Comunicación

Linguaxe: Facultade humana de comunicación, común a toda a especie, que se concreta mediante un código verbal: a lingua.

Elementos do acto comunicativo: Situación na que se intercambia unha comunicación (non é necesario que sexa verbal).

Funcións da Linguaxe

A función primaria é a comunicación. O emisor dunha mensaxe pode manifestar diversas intencións comunicativas:

  • Función representativa (ou referencial): Focaliza a atención no referente, cunha clara intención comunicativa de ideas de xeito obxectivo.
  • Función expresiva (ou emotiva): Reflicte os sentimentos, desexos, etc., do emisor.
  • Función apelativa (ou conativa): Busca provocar unha conduta ou reacción determinada no receptor.

Signo Lingüístico

As linguas (códigos) están formadas por unha serie de unidades básicas: os signos lingüísticos.

Características:

  • Unidade biplana: Composto por dúas caras:
    • Significante (plano da expresión)
    • Significado (plano do contido)
  • Articulado: Composto por unidades menores que se articulan en dous niveis diferentes:
    • Primeira articulación: Monemas (unidades con significante + significado) -> Lexemas (ex: gat-) e Morfemas (ex: -o).
    • Segunda articulación: Fonemas (unidades sen significado, só distintivas) (ex: /g/a/t/o/).
  • Arbitrario: Convencional e inmotivado. A relación que une significado e significante non é natural.
  • Linear: O signo lingüístico posúe linearidade temporal, xa que todo material sonoro se ordena no tempo.

O Texto

Unidade lingüística con sentido completo que responde a unha intención comunicativa.

Tipos de Texto segundo a Intención

  • Texto descritivo: Representa características ou calidades de algo ou alguén.
  • Texto narrativo: Relata acontecementos.
  • Texto expositivo: Ten como fin ensinar ou axudar a comprender calquera tema ou asunto.
  • Texto argumentativo: Pretende defender unha opinión intentando convencer.
  • Texto instrutivo: Indica os pasos e as pautas para realizar algo.
  • Texto dialogado: Dúas ou máis persoas intercambian información.

Tipos de Descricións

  • De persoa:
    • Prosopografía: Trazos físicos.
    • Etopeia: Trazos psicolóxicos ou morais.
    • Retrato: Trazos físicos e psicolóxicos.
    • Caricatura: Esaxéranse e deforman os trazos.
  • De lugar: Explica como é unha paisaxe ou outro espazo calquera.
  • De ambiente: Cando a unha descrición de lugar se lle engaden percepcións sensoriais (sonoras, olfativas, etc.).

Disciplinas Lingüísticas

A Lingüística é a ciencia que estuda a linguaxe.

Estudo Externo

  • Sociolingüística: Estuda a lingua e as súas variantes en relación ao contexto social.
  • Dialectoloxía: Estuda a lingua e as súas variantes segundo a súa distribución xeográfica.

Estudo Interno

  • Fonética: Estuda a produción e percepción dos sons.
  • Fonoloxía: Estuda a función dos sons no sistema da lingua.
  • Ortografía: Estuda a escritura correcta das palabras.
  • Semántica: Estuda o significado das palabras e expresións.
  • Morfoloxía: Estuda a forma e estrutura interna das palabras.
  • Sintaxe: Estuda as relacións e as funcións das palabras na oración e no discurso.

Diversidade Lingüística

Existen aproximadamente 200 estados independentes recoñecidos pola ONU e unhas 6000 linguas vivas catalogadas. O conxunto de linguas emparentadas ou cunha orixe común forma unha familia lingüística. En Europa, a maioría das linguas pertencen á familia indoeuropea (agás excepcións como o éuscaro).

  • Lingua minorizada: Lingua historicamente propia do seu territorio pero sometida á hexemonía doutra lingua que a despraza dos ámbitos de uso formais ou prestixiosos.
  • Lingua minoritaria: Lingua que ten un número de falantes reducido en comparación con outras. Exemplo: O islandés (aprox. 200 mil falantes) é minoritaria fronte ao castelán (centos de millóns).

Linguas da Península Ibérica

  • Galego: Aproximadamente 2,5 millóns de falantes. Os seus límites xeográficos van máis alá do territorio administrativo de Galicia (GZ); fálase tamén nas zonas máis occidentais de Asturias, León e Zamora, e no Val das Ellas (Cáceres, Estremadura).
  • Portugués: Lingua irmá do galego. Ata o século XV, ambas constituían o mesmo complexo lingüístico (galego-portugués). O portugués é falado por máis de 200 millóns de persoas (Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, etc.).
  • Castelán: Lingua oficial en España e en diversos países de América e territorios africanos. Conta cuns 300 millóns de falantes nativos. Posúe variantes xeográficas como o andaluz, canario, etc.
  • Aragonés: Procede do antigo romance navarro-aragonés. Ten aproximadamente 30 mil falantes.
  • Catalán: Falado por uns 8 millóns de persoas (Cataluña, Comunidade Valenciana, Illas Baleares, Franxa de Aragón, Alguer en Sardeña). Está en proceso de normalización impulsado, entre outros, pola Generalitat de Catalunya.
  • Éuscaro (ou Vasco): Única lingua non románica (nin indoeuropea) da Península. Ten aproximadamente 1 millón de falantes (País Vasco, Navarra e Iparralde en Francia).

Galicia na Idade Media

Na sociedade feudal eran tres os estamentos fundamentais: nobreza, clero e campesiñado. Era unha sociedade xerárquica, en cuxo cumio estaba o rei.

Ámbito Político

No século XII prodúcese a separación política entre Galicia e Portugal e a integración definitiva de Galicia na Coroa de Castela. Nas dúas grandes loitas sucesorias pola Coroa castelá (Pedro I vs. Henrique II; Xoana a Beltranexa vs. Isabel a Católica), a nobreza galega maioritariamente apoiou o bando perdedor, o cal incidiu de forma negativa no futuro político de Galicia.

Ámbito Cultural

O descubrimento do sepulcro do Apóstolo Santiago no ano 813 deu orixe á cidade de Santiago de Compostela e converteuna nun importante centro de peregrinación. A través do Camiño de Santiago chegaron a Galicia as correntes culturais europeas da época (como a arte románica e gótica, ou a lírica provenzal), que se mesturaron coa cultura autóctona e produciron un florecemento artístico e literario.

Situación Lingüística

Durante a Idade Media, o galego foi unha lingua desenvolvida en tódolos ámbitos de uso, tanto orais como escritos (documentos notariais, literatura). O noso idioma converteuse na lingua por excelencia da lírica de case toda a Península Ibérica; nas cortes reais e nobiliarias, os trobadores compoñían e recitaban as súas cantigas en galego-portugués.

Características do Galego Medieval

O galego e o portugués presentaban unha grande unidade lingüística, sobre todo na lingua literaria da lírica. A lingua medieval tiña moitos trazos diferentes do galego actual, como:

  • Existencia de vogais nasais.
  • Uso frecuente dos posesivos sen artigo (mia filla).
  • Palabras hoxe desaparecidas ou con outro significado.

Lírica Galego-Portuguesa

Corpus literario constituído por uns 1680 textos de aproximadamente 153 autores, datados entre finais do século XII e mediados do século XIV.

Conformárona dúas correntes líricas principais:

  1. Un lirismo cortesán de influencia provenzal, reflexo da cultura cabaleiresca.
  2. Un lirismo autóctono peninsular, froito da mestura da tradición poética medio-latina con elementos do folclore popular.

Influencia da Lírica Provenzal

A lírica dos trobadores occitanos (provenzais) tivo moita repercusión na galego-portuguesa. Esta influencia produciuse a través de:

  • Os monxes da orde de Cluny (Francia), que exerceron unha enorme influencia cultural e relixiosa a partir do século XI.
  • A presenza de nobres e trobadores franceses e occitanos na Península (a través do Camiño de Santiago, participación nas guerras da Reconquista, relacións dinásticas).
  • O rei portugués Afonso III O Boloñés, nobre que viviu en Francia antes de ocupar o trono de Portugal.

As cantigas de amor e as de escarnio e maldizer teñen unha influencia directa da canso e do sirventés provenzais, respectivamente. As cantigas de amigo considéranse de carácter máis autóctono.

Ámbito Social e Xeográfico

Reis, nobres, clérigos, burgueses e humildes xograres participaron na creación e difusión do lirismo galego-portugués. Esta literatura creouse principalmente no ambiente das cortes reais e señoriais; sen a colaboración e mecenado da nobreza, non teríamos conservado esta lírica. As principais cortes foron as de Castela, León, Portugal e Aragón, ademais das de importantes señores feudais galegos.

Autores e Intérpretes

  • Trobador: Xeralmente nobre, aínda que non sempre cunha boa situación económica. Era o autor das composicións (letra e música) que ás veces tamén interpretaba. Aparece citado con nome e apelidos nos cancioneiros (ex: Paio Gómez Chariño).
  • Segrel: De clase social inferior ao trobador, podía provir de fidalgos empobrecidos, escudeiros ou burgueses. Era autor e intérprete das súas composicións e cobraba pola súa interpretación.
  • Xograr: De condición social baixa. Era principalmente intérprete de cantigas alleas e podía estar ao servizo dun trobador de maneira fixa. Cítase a miúdo por alcumes (ex: Mendiño).
  • Menestrel: Músico que acompañaba o canto das cantigas.
  • Soldadeira: Muller que acompañaba os xograres e trobadores, cantando, bailando ou tocando instrumentos (ex: María a Balteira).

Os Cancioneiros

As cantigas galego-portuguesas consérvanse principalmente en tres grandes coleccións manuscritas:

  • Cancioneiro da Ajuda: Códice manuscrito de finais do século XIII ou principios do XIV. É o único copiador contemporáneo aos trobadores. Contén sobre todo cantigas de amor.
  • Cancioneiro da Biblioteca Vaticana: Copia manuscrita italiana de principios do século XVI. Contén unhas 1200 cantigas dos tres xéneros principais, co nome dos autores.
  • Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (tamén chamado Colocci-Brancuti): Copiado en Italia no século XVI por orde do humanista Angelo Colocci. Contén máis de 1600 cantigas de todas as modalidades.

Xéneros Principais das Cantigas

  • Cantiga de amigo: Creada por un home (trobador), pero pon en beizos dunha moza namorada a expresión dos seus sentimentos (ledicia, tristura, saudade) polo seu amado. A palabra amigo refírese ao namorado. A voz lírica é feminina.
  • Cantiga de amor: O poeta (voz masculina) diríxese á súa dama (a senhor, tratamento masculino paradoxalmente) para requirirlle o seu amor, louvala ou expresarlle unha queixa polo seu desdén ou indiferenza, seguindo as convencións do amor cortés.
  • Cantiga de escarnio e maldizer: Os trobadores compoñen estas cantigas coa intención de criticar ou ridiculizar a alguén. Poden ser de escarnio (crítica indirecta, con ambigüidade e dobres sentidos) ou de maldizer (crítica directa e insultante). Os temas son variados: a covardía dalgúns nobres na guerra, vicios e costumes da época, ataques persoais entre poetas, etc.

Xéneros Menores

  • Pastorela: Describe o encontro máis ou menos amoroso entre un cabaleiro e unha pastora no campo. A palabra clave é pastor ou pastora.
  • Pranto: Lamento ou elexía pola morte dalgún personaxe importante (rei, nobre, trobador).
  • Tenzón: Cantiga dialogada entre dous trobadores sobre un tema proposto por un deles, case sempre de carácter satírico ou burlesco.

A Cantiga de Amigo: Subxéneros e Temas

Subxéneros Temáticos

  • Bailadas: Cancións destinadas ao baile, de carácter alegre e vivo, a miúdo con refrán.
  • Mariñas ou barcarolas: O mar está presente como escenario ou confidente da moza namorada.
  • Cantigas de romaría: A acción sitúase nun santuario, ermida ou capela, lugar de encontro dos namorados con motivo dunha romaxe.
  • Albas ou alboradas: Falan do amencer, momento da separación dos amantes. Relacionadas co xénero provenzal da alba.

Interlocutor

A protagonista (a moza namorada) diríxese a un interlocutor que pode ser:

  • Indeterminado ou ela mesma (monólogo).
  • Elementos da natureza (o mar, as ondas, as árbores...).
  • Unha amiga ou confidente.
  • A súa nai.

Campo Semántico (Temas Recorrentes)

  • Panexírico: Canto que fai a protagonista da súa propia beleza ou loanza das calidades (físicas ou poéticas) do seu amigo.
  • Amor correspondido ou insatisfeito: As dúas caras da situación amorosa entre a moza e o seu amigo. A moza expresa ledicia ou tristura segundo como sexa a súa relación.
  • Prohibición ou impedimento: Imposibilidade do encontro entre os namorados, provocada pola vixilancia da nai, por causas de forza maior (o amigo vai servir o rei na guerra, está ausente) ou por obstáculos da natureza.

Forma da Cantiga de Amigo

Estrutura Paralelística

É moi característica das cantigas de amigo e baséase na repetición con pequenas variacións. Utiliza tres recursos principais:

  • Refrán: Un ou máis versos que se repiten ao final de cada estrofa. As cantigas que o teñen chámanse cantigas de refrán; as que non, cantigas de mestría.
  • Paralelismo: Repetición da estrutura sintáctica e rítmica en estrofas sucesivas (normalmente agrupadas de dúas en dúas), variando só as palabras finais dos versos ou algunha outra palabra clave.
  • Leixaprén: Recurso que consiste en repetir o segundo verso dunha estrofa como primeiro verso da estrofa seguinte (ou da segunda estrofa posterior se hai paralelismo). Ex: O segundo verso da primeira estrofa repítese como primeiro da terceira; o segundo da segunda repítese como primeiro da cuarta, etc.

Forma Externa (Estrutura Dialogal)

  • Monologadas: Teñen unha soa voz lírica (a da moza).
  • Dialogadas: Dúas ou máis personaxes (moza e nai, moza e amiga, moza e natureza) intercambian palabras.

Estilo e Linguaxe da Cantiga de Amigo

Símbolos Frecuentes

  • Cervo: Símbolo do namorado (relacionado coa caza e o erotismo).
  • Cabelo (longo e coidado) da doncela: Símbolo da virxindade e atractivo feminino.
  • Auga (fonte, río): Símbolo de fecundidade, vida, pureza e encontro amoroso.
  • Mar: Símbolo da separación, perigo, pero tamén confidente da namorada.
  • Verde: Cor asociada á primavera, á natureza vizosa e á sensualidade.

Métrica e Rima

  • Rima masculina (ou macho): Cando o verso remata en palabra aguda (vogal tónica final).
  • Rima feminina (ou femia): Cando o verso remata en palabra grave (vogal átona final).

Entradas relacionadas: