Guerra, Violencia y Memoria en el Siglo XX: Un Estudio Profundo

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 32,52 KB

Guerra, Violencia y Memoria del Siglo XX

Tema 1: Introducción Teórica


I. Da Historia Militar á Historia da Guerra --> Ata finais do século XX, pensábase que a modernización era igual a prosperidade, estabilidade, paz e progreso social (Barrington Moore, Charles Tilly, etc.). O maior progreso, maior civilización, menor violencia individual e colectiva, é dicir, menor barbarie. Esta é unha crenza con raíces na Ilustración (Rousseau, etc.). Os psicólogos sociais establecen unha relación entre violencia doméstica/de xénero e violencia de masa e sosteñen que, a maior modernización, menor violencia individual/familiar e, por tanto, menor violencia colectiva. Porén, non sempre hai relación entre ambas as dúas dimensións. O século XX asistiu ao desenvolvemento e progreso social en cotas inimaxinábeis antes, mais tamén ao maior número de vítimas en guerras, xenocidios e limpezas políticas e/ou étnicas. Charles Maier, profesor de historia en Harvard, calificou ao século XX como unha época de “atrocidade moral”.

O desenvolvemento do Estado e dos aparellos burocráticos, policía e exército, non levaba ao control dunha violencia supostamente innata nos seres humanos (Hobbes), e refreada pola autoridade, senón todo o contrario.

  • Para algúns autores, a violencia de masa é consecuencia, diante todo, do desenvolvemento das ideoloxías nacionalistas (percepción unidimensional do termo nacionalismo) e do Estado-nación;
  • Para outros, do auxe dunha burocracia impersoal;
  • Segue, porén, a haber quen opina que no ser humano hai unha tendencia innata á violencia (Psicoloxía social. Experimento do Centro de Estudos do Comportamento da Universidade de Stanford);
  • Outros autores (no vieiro de Gustave Le Bon) culpan ás “masas” irracionais, dende pogromos a limpezas étnicas;
  • Norman Naimark considera que “a limpeza étnica é un produto do estadio máis avanzado do Estado moderno”.
  • Autores como Omer Bartov ou Dirk Moses estiman que este proceso comeza xa no século XVIII, e mesmo antes, só que daquela non se lles chamaba limpezas étnicas ou xenocidios.

Despois da IIGM (Holocausto, etc.), púxose o acento nas consecuencias do totalitarismo. A combinación de Estado burocrático, ideoloxía excluínte e despotismo son a base dos conceptos de xenocidio (Raphael Lemkin). Nun comezo, o foco situábase no nacionalsocialismo e os fascismos en xeral. Así e todo, eivas para interpretar a “banalidade do mal” (Hannah Arendt), patente na discusión arredor dos perpetradores que arrodeou ao xuízo a Eichmann en Xerusalén (1961).

A perspectiva centrábase aínda pouco no estalinismo: só na diáspora académica ucraína, e nalgúns historiadores norteamericanos, comezouse nos anos 70/80 a conceptualizar a fame ucraína de 1932-33, o chamado Holodomor, como unha variante de xenocidio. Temos exemplos como a creba do socialismo real, violencia étnica en Iugoslavia, Cáucaso, África... Como explicar o fenómeno? Odios étnicos ancestrais? Masas irracionais? Papel das elites políticas e sociais? Atopamos aquí o debate entre Estruturalismo e Intencionalismo. Como sinala Mark Mazower, os paradigmas explicativos da violencia dende os anos 1990 seguiron a depender da discusión historiográfica sobre o Holocausto (diferencia entre antisemitismo tradicional, pogromos, e “solución final”: modernidade, tecnoloxía, enxeñaría social baseada nunha utopía racial con múltiples derivacións). Porén, non sempre serven para entender masacres e mortes de civís noutros contextos, europeos e extraeuropeos.

A tendencia actual é insistir sobre os condicionantes concretos, o papel dos actores e as súas motivacións (nomeadamente, nas elites e corpos perpetradores), e nos contextos culturais. Así, por exemplo, ao compararmos o xenocidio dos xudeus europeos coas masacres contra os armenios no Imperio Otomano (1915-16), advertimos paralelismos, mais tamén diferenzas. O mesmo acontece ao intentar explicarmos as matanzas de civís tutsis a mans dos hutus en Ruanda (1994). Adoito, os perpetradores non actuaron movidos pola consciencia de fortaleza, senón por medo e percepción da propia debilidade. Non deixarse levar por debates nominalistas: “xenocidio” significa unha cousa para xuristas, para historiadores pode ser un termo problemático e pouco práctico á hora de tentar explicar o fundamental: por que se cometen crimes masivos de natureza sociopolítica, étnica ou relixiosa. Conceptos alternativos serían: limpeza política, “limpeza étnica” (que volveu ao primeiro plano nos anos 90, guerra de Iugoslavia). Con todo, este será un termo tamén problemático: movementos de refuxiados non sempre son consecuencia de violencia, senón de pánico; os seus obxectivos, porén, son limitados, e os seus métodos mixtos (por exemplo, as deportacións dos alemáns étnicos de Europa oriental após 1945).

O factor fundamental, en todo caso, non é o número de vítimas, senón a proporción (dun grupo étnico, relixioso, social, político), as lóxicas da violencia de masa, e mais a súa intencionalidade, a relación entre prácticas individuais, de grupo e estruturas estatais/militares/sociais organizadas. Iso sen desbotar outros factores psicosociais: por exemplo, que en grupos pequenos fenómenos como a camaradaxe, o culto á masculinidade, o afán de control dun territorio, os ritos de paso, etc., poden desencadear unha multiplicidade de dinámicas violentas. O “gusto por matar”, o asañamento e crueldade, son categorías difíciles de manexar para os historiadores, porque adoito aparecen en grupos humanos presuntamente civilizados, entre veciños (pogromos ucraínos e poloneses nos anos 40, por exemplo) que se coñecían, entre parellas etnicamente mixtas. Endalí que para os historiadores sexa fundamental analizar o contexto específico.

En todo caso, aos historiadores lles interesa a dimensión explicativa, e non tanto a normativa. Adoito, o uso de categorías normativas e/ou xurídicas a priori pode escurecer o obxectivo fundamental: comprender os porqué (T. Snyder, Mazower). O uso ubicuo do termo xenocidio pode ser un bo exemplo. Así, por exemplo, foi xenocidio a masacre turca contra os armenios? Foi xenocidio a política de deportacións (que tamén atinxiu a grupos étnicos enteiros) e de represión do estalinismo? Non é unha cuestión de números: Mussolini apenas asinou 50 sentenzas de morte en tempos de paz. Antes de 1939, a URSS tiña máis presos en gulags do que o III Reich (1 millón vs. 100 mil) e fusilara a máis cidadáns. Logo de 1939, as proporcións mudarían; mais: foron as lóxicas comparábeis? Cómpre considerar pois outros factores, como a xénese dos Estados totalitarios (a presenza de guerras civís no seu nacemento é fundamental: eslúese a diferenza inimigo interno/externo, de aí que o franquismo, coma o réxime estalinista, o chinés ou o dos khemeres vermellos, fosen máis violentos do que outros réximes ideoloxicamente semellantes).

A xeopolítica tamén axudaba a iso, tanto denantes como despois da IIGM (fascismo/antifascismo, bloque occidental / bloque soviético, etc.). As doutrinas “contrainsurxencia”, “contrasubversivas”, etc., inzaron e desenvolvéronse. Vemos un importante papel do exército e policías secretas, corpos parapoliciais, etc., nas ditaduras totalitarias: menor papel do exército, tradicións imperiais de control (III Reich, URSS, mesmo Iugoslavia/Serbia logo de 1989). As ditaduras extraeuropeas, polo xeral: maior papel do exército, Estado máis feble (Estados pretorianos), igual que varias ditaduras autoritarias europeas do período de entreguerras (España, Hungría, Finlandia con matices) que sucederon a unha cruenta guerra civil.

A violencia insurxente é unha elección racional (Kalyvas, estudo sobre a guerra civil grega) como estratexia para maximizar os apoios sociais para grupos guerrilleiros, etc., nomeadamente cando son febles e se moven en áreas campesiñas de dubidosa lealdade (Grecia, Perú, mais tamén amplas zonas da URSS durante a IIGM). Noutros lugares, a violencia era esóxena e non tan endóxena: violencia de ocupación, violencia colonial... Os europeos exportaron a guerra moderna de masas a outros continentes, malia que algúns Estados (como Xapón) aprenderon moi rapidamente. A violencia inherente ao propio imperialismo xogou un papel no establecemento das normas da violencia de Estado logo da independencia nos Estados postimperiais.

En Europa temos as guerras balcánicas de 1912-13, conflitos interétnicos na área da Asia Central e da Europa oriental logo de 1918 (até as loitas en Líbano e Siria, guerra greco-turca, etc.). A IGM contribuíra a unha ampliación substancial do poder do Estado sobre os cidadáns (militarización da burocracia), e lexitimara o uso de medidas extraordinarias (lei marcial, campos de concentración, etcétera). A violencia colonial e postcolonial tivo un reflexo na evolución das formas de violencia bélica e contra os civís na propia Europa: “militarización do continente” que tamén implicou a importación de tácticas e formas de brutalidade empregadas nas colonias. Aspecto, porén, suxeito a debate.

En todo caso: se o debate verbo das formas de violencia masiva estivo dominado até comezos do século XXI polo estudo do Holocausto e do terror estalinista, a tendencia hoxe é entender a violencia no século XX nunha focaxe máis ampla, que vai dende as formas de violencia colonial e postcolonial até as formas de guerra civil, contrainsurxencia e insurxencia violentas que se esplallaron durante a segunda metade do século XX. Igualmente, tense prestado máis atención nas guerras en si mesmas (como veremos), así como as interaccións e interrelacións entre guerra e violencia contra civís (desaparición da diferenza combatente/civil, doutrinas e prácticas militares, culturas militares, etc., tendentes a usar a violencia estatal contra dos seus propios suxeitos/cidadáns, dando lugar á guerra sucia). Quen controla o Estado: diferenza crucial. O III Reich e a URSS de Stalin difiren doutros países pola orde, extensión e coherencia (así como eficiencia) da súa maquinaria de violencia estatal. Noutros conflitos, porén, o Estado é un observador, un axente secundario.

Historia Militar: Aceptacións clásicas da Historia Militar: Historia das Operacións, Historia das Relacións Internacionais/Historia Diplomática, biografías/autobiografías de grandes líderes militares, etc. Até o día de hoxe esta sorte de Historia descritiva segue a ter grande predicamento. Esta está moi centrada nas operacións, nas historias de unidades militares, con todo luxo de ilustracións, etc. Termo intermedio entre a Historia Militar dos propios militares, o colecionismo/miniaturismo, as recreacións históricas (figurantes) como forma de ocio, nalgúns casos o turismo de batallas e/ou turismo de guerra (visita de cemiterios e escenarios de combate). Nalgúns países existe unha fronteira moi esluída entre esa sorte de historia e o revisionismo historiográfico (España, Italia, Alemaña...). Eido predilecto dos simpatizantes do III Reich, do franquismo, etc. Xa que logo, a mala sona historiográfica da Historia Militar chegou até tempos recentes, e prexuízos aínda persistentes. Dende os anos 70, porén, hai unha constante renovación dos estudos da Historia Militar, por que?

  • Apertura de arquivos e interese polo pacifismo/cultura da paz. As novas formas de guerra levaron tamén a interese pola historia social da violencia;
  • Diálogo con outras correntes de renovación da historiografía, dende a historia social á cultural, o xiro lingüístico ou os estudos de xénero;
  • A Historia Social tratará temas como a composición dos exércitos, estruturas de mando e xerarquías, influencia na vida social. Fontes que permitisen descubrir as motivacións dos soldados de a pé - non só dos oficiais;
  • Por outro lado, a Historia Cultural e o xiro lingüístico mostra interese por dimensións como a experiencia e as percepcións dos combatentes, a través das súas propias testemuñas (diarios, cartas de guerra, memorias). Cada unha destas fontes: posibilidades e límites.

Historia de Xénero: Foron varias as historiadoras (Ute Frevert, etc.) que se interesaron pola masculinidade, utilizando para iso a bagaxe teórica que lles ofrecían os estudos sobre a historia da muller. Estúdanse cuestións sobre:

  • Como se constrúe a masculinidade/virilidade no exército, reduto por antonomasia deses valores até a actualidade? Valentía, construción do heroe (e do antiheroe), covardía, amizade e camaradaxe, grupos primarios;
  • De xeito suplementario, interese polas condutas anómalas/desviadas/obxectos de tabú dentro dos exércitos e nas situacións de combate, e mais das secuelas do mesmo o Shell-shock / estrés post-traumático (síndrome da guerra de Vietnam);
  • Homosexualidade, desertores, delatores;
  • Visión dende abaixo da guerra e do seu influxo sobre os combatentes e os excombatentes, tendo aquí conceptos clave como cultura da guerra e experiencia da guerra;
  • Outros debates influíron: por exemplo, o debate sobre as orixes do fascismo e o papel xogado polos excombatentes (moi discutido). Fascio de Milán, Múnich 1919.


I. Novas Fontes: Memorias, Cartas, Diarios de Guerra: Memorias, lembranzas de guerra e autobiografías posúen longa tradición na Historia Militar: os gregos, De Bello Gallico... Os historiadores da literatura distinguen entre “memorias” (centradas na vida pública dun individuo: políticos, xenerais, intelectuais) e “autobiografías” (cuxo foco radica no desenvolvemento da propia personalidade: cadaquén pode escribir unha autobiografía, mais Napoleón escribiu ademais unhas memorias).


As lembranzas de guerra cobren só un aspecto da propia vida: o período que decorreu na guerra ou no exército. Porén, adoito a delimitación dos diversos xéneros é moi problemática. Os historiadores tenden en xeral a ser pragmáticos. Así, as novelas autobiográficas tamén poden ser vistas como memorias, aínda que neste caso non se respecta o “pacto autobiográfico” (Lejeune) entre o autor/protagonista e mais o lector. Obxecto desas lembranzas e autobiografías foron durante moito tempo xenerais e oficiais, que eran quen adoitaban redirixir as súas memorias. O mesmo acontecía cos estudos biográficos e militares, que só se interesaban por eles, e case sempre dende unha perspectiva apoloxética.


Debido en parte a esa tradición, a historiografía crítica tende a amosarse escéptica perante as autobiografías. Só grazas ao influxo crecente da historia cultural e da historia da vida cotiá, así como a inclusión de categorías como os horizontes de expectativas, de experiencias de guerra e da memoria entre os obxectos da guerra, revalorizándose esas fontes. As biografías individuais ou grupais tamén foron recoñecidas como unha variante digna de respecto dentro da historiografía. As autobiografías terían unha relación tensa e ambigua cara ás biografías: verdade ou construción? Isto forma parte dun vello dilema. As preguntas principais serían A) Que problemas teóricos e metodolóxicos presentan as memorias para a pescuda dos exércitos e das guerras? B) Que consecuencias tiveron eses debates na redacción de biografías? C) Biografías individuais e corais son expresiones da memoria individual ou colectiva? (Halbwachs)


Hai unha tensión entre narración/transmisión e investigación. Que son testemuños? “Calquera documento no que un autor explícito, un eu subxectivo, trata sobre si mesmo”: cartas, diarios, memorias éditas e inéditas, lembranzas, autobiografías. En senso amplo: “egodocumentos”. Pola contra, as biografías (individuais ou corais) son xéneros historiográficos, isto é, transmiten historia de terceiros, por parte de terceiros.


- Os egodocumentos dunha persoa ou membros dun grupo son unha fonte central da pesquisa biográfica, mais tamén serven de fonte a investigacións centradas na experiencia, a vida cotiá, a transmisión da memoria, etc., centradas na guerra, na violencia, nos exércitos e na súa relación coa sociedade;

As memorias son tamén “lugares da lembranza”, que se integran na memoria colectiva. Reflicten os valores correntes ou dominantes no intre no que se escreben, así como a relación do biografado/autor co seu pasado: risco de que esaxere e idealice, pero tamén de que acentúe a súa distancia, con ironía ou escepticismo, a respecto do que fixo no pasado.


Dende finais do século XVII medrou de forma considerable o número de textos autobiográficos cuxo obxecto principal son a guerra e o exército. Por que?

  • Crecente relevancia deste tipo de textos sobre o individuo que procura un senso á súa vida nunha sociedade burguesa, cada vez máis secularizada;
  • Novo carácter das guerras: os conflitos deveñen en guerras nacionais, con exércitos recrutados por leva obrigatoria ou mobilización xeral que desempeñan un rol sobranceiro. Isto creou unha nova relación entre a sociedade civil e os exércitos (esta involucrouse cada vez máis na preparación e desenvolvemento da guerra);
  • Tamén cidadáns “conscientes” e críticos, burgueses e intelectuais, recrutados ou que son atinxidos pola guerra, e por tanto tentan elaborar as súas impresións en forma de experiencias codificadas, tanto durante o conflito (diarios e cartas) como despois da guerra. Xa non só son altos oficiais e xenerais, senón que cidadáns normais se ven motivados a transmitir as súas experiencias de guerra. Co avanzo da alfabetización, son cada vez máis os combatentes que escriben sobre a súa experiencia. Porén, só unha pequena parte destes textos, sobre todo aristócratas, burgueses e universitarios, foi publicada despois.


A maiores, as guerras son eventos de grande importancia para a configuración das experiencias e memorias colectivas e individuais: marcan puntos de creba e inflexión, grandes eventos que invaden o devir das biografías individuais e colectivas. Experiencia e memoria son categorías que se constrúen de xeito colectivo, de aí tamén a importancia das testemuñas e egodocumentos. Para avaliarmos egodocumentos, hai que ter en conta as diversas formas e cualidades específicas de cada tipo de egodocumentos.


- O que se pode obter das fontes depende moito da cronoloxía da súa creación, se, por exemplo, foron redirixidas con posterioridade aos feitos, están moito máis influídas por valores e experiencias posteriores que se foron redirixidas de maneira inmediata aos feitos, pero tamén por formas literarias, tópicos, intencións, etc., que serven adoito para “encher” os ocos e baleiros da memoria individual, que tamén se transmiten de forma asociativa e selectiva no ámbito da memoria familiar. Isto é: que chega a nós? O que os autores dos egodocumentos lembran, crean lembrar ou consideran digno de ser lembrado;

Existe unha diferenza entre textos escritos para a reflexión propia, a familia ou o grupo de amigos/ou camaradas, e os textos que foron escritos para un público máis amplo, e por tanto teñen maior elaboración literaria. O mesmo acontece coas cartas: o que contan e a calidade do que contan depende moito do receptor. Por tanto, cómpre dispór de informacións abondas sobre o emisor do texto, os receptores, e as condicións nas que o texto emerxeu.


Porén, canto máis sabemos, máis queremos afondar, o que non sempre é posíbel: paradoxo. Algúns autores distinguen así entre memorias publicadas, autobiografías clásicas, testemuños de experiencias, estudos operativos e escritos propagandísticos. Cada un deles é producido cunha intención e función diferente, en cada contexto histórico.


Os egodocumentos teñen catro virtualidades principais para a historia da guerra e da violencia:

  1. Ofrecen informacións sobre rutinas e aspectos da vida cotiá, que non se atopan noutros documentos éditos ou inéditos (os diarios, sobre todo);
  2. Dan pistas e claves sobre as consecuencias físicas, psíquicas e mentais da guerra e do exército sobre os individuos, as súas familias ou as unidades e grupos militares: isto inclúe unha ampla gama de posibilidades, dende a experiencia de guerra até os procesos de brutalización;
  3. Informan sobre marcos de referencias culturais e marcos de significado, isto é, sobre o repertorio cognitivo e de experiencias de individuos e grupos, e a maneira en que son moldeados a través das circunstancias temporais e espaciais, e a través de discursos e prácticas;
  4. Como documentos da “memoria comunicativa” (Assman), sobre todo as lembranzas inéditas e os diarios de guerra, pero tamén coa memoria cultural (memorias e autobiografías publicadas), como fonte para a historia da memoria colectiva de grupos específicos (unidades militares, grupos políticos, familias, grupos étnicos, etc.).


Cómpre facer a diferenza entre pertenza social, etnicidade, identidade nacional, confesión relixiosa, ideoloxía, etc., pero tamén factores coma o xénero e a xeración. As mulleres non contan o mesmo que os homes, e os novos non contan o mesmo que os vellos (p. ex., a Flakhelfergeneration alemá de 1944-45 distínguese das xeracións de combatentes na fronte).


A experiencia de guerra é un concepto chave. Para a historia da experiencia de guerra e dos exércitos, as memorias e outros egodocumentos son unha fonte fundamental, que reflicten as percepcións e horizontes de valores de actores e observadores, quen pola súa vez tentan atoparlle algún senso á guerra. Tamén informan dos procesos comunicativos que transforman con posterioridade a experiencia en memoria, mediante a súa estetización, representación simbólica, condena, etc. Hai así unha tensión entre espazo de expectativas e horizonte de expectativas (Koselleck), entre experiencia e memoria. Igualmente, podemos aprender dos aspectos seguintes:

  • Diferenzas na socialización militar dos xéneros, e das reaccións perante a violencia de homes e mulleres (sobre todo cando estas se incorporan ás tropas combatentes);
  • Diferenzas nas actitudes fronte ao inimigo de civís e militares, imaxes do outro e creación de estereotipos;
  • Diferenzas na percepción da guerra e violencia segundo grupos étnicos, posición (primeira liña/retagarda), grupos de idade (por exemplo, percepción particular da guerra polos nenos), tipo de cultura e/ou unidade militar…


I. A Guerra dende Abaxo --> O punto de partida dos estudos sobre a guerra dende abaixo son os debates sobre a IGM. Vemos a mudanza do foco: das elites político-diplomáticas e militares aos sentimentos dos soldados, con uso de novas fontes (egodocumentos, mais tamén fontes dos hospitais e tratamentos psiquiátricos aos combatentes: shell-shock). Primeiro fito: Eric J. Leed, No Man‘s Land. Combat and Identity in World War I (1979). Esta obra analiza, sobre todo, testemuños de combatentes británicos. Ponlle atención ás “neuroses de guerra“, mais tamén ao mundo das emocións e dos sentimentos, as percepcións do inimigo. O carácter deshumanizado da guerra moderna facía devir civís ordinarios en “homes ao límite”, homes que vivían alén dos límites do aceptado e do agardado.

Ese “vivir ao límite” é un concepto central da experiencia de guerra:

  • Separación da casa;
  • Percepción da sucidade;
  • Camaradaxe;
  • Presenza cotiá do “insólito”;
  • Ambigüidade dos veteranos de guerra: falla de adaptación á sociedade civil.


A experiencia de guerra non remata cando os combatentes retornan a casa e as hostilidades cesan. Inflúe nas súas actitudes e percepcións cotiás, pero tamén nos seus posicionamentos políticos. Presentan neuroses e problemas psiquiátricos e estúdase como delimitalos e cales foron os seus efectos. Cabe preguntarse: ¿é o veterano un neurótico?


Outros autores seguiron esas canles de interpretación, como é o caso de Annette Becker e Stéphane Audoin-Rouzeau, coa súa obra 14-18, Retrouver la guerre, onde os autores da mesma prestaron máis atención aos periódicos de trincheira. As autoras resolven que a brutalización e a camaradaxe son o auténtico cemento das motivacións dos soldados franceses na IGM. Aquí atopamos un menor papel outorgado á coerción e un nacionalismo e imaxe do outro: acrecéntanse consonte medra a brutalización.


Outra das opinións está personificada en Fréderic Rousseau, que expón en varias das súas obras unha opinión distinta, expoñendo que no exército francés a coerción e disciplina eran moi relevantes e que as clases sociais importaban. Explica as microdinámicas da violencia: son os soldados de extracción obreira e urbana os que máis as protagonizaban, e estaban sobre todo dirixidas contra os oficiais de maior rango e procedencia aristocrática do bando contrario. O nacionalismo, segundo este autor, era o menos importante e os soldados franceses, os poilus, combatían por unha resignación obrigada.


Joanna Bourke: Sede de sangue (1991). Nesta obra, a autora reafírmase na tese da brutalización (británicos IGM, norteamericanos Vietnam, australianos IGM). Explica que os soldados afanse á violencia e practícanla como rito de paso e iniciación na camaradaxe, pero tamén como resposta para exorcizar o medo. Tamén fala da deshumanización do inimigo, tocando puntos como o gusto polas imaxes truculentas e os trofeos de guerra; masculinidade sublimada e un certo compoñente de xénero cun dominio sobre as mulleres do bando inimigo. Para o exército alemán, os autores B. Ulrich e Benjamin Ziemann expoñen a importancia das orixes rurais/urbanas dos soldados. Tratan tamén os contextos onde practicar a violencia, na liña de Rousseau: a guerra crea as súas propias regras en espazos coutados.


En Espazos de violencia, J. Baberowski fala de que a experiencia de guerra non conduce inevitabelmente á fascistización ou á aplicación de normas militares á política. Na Baviera rural de 1918-22, os soldados retornados semellan votar o mesmo que antes de saíren. Porén, temos a T. Weber e a súa obra A primeira guerra de Hitler. Para el, o contexto posbélico, nomeadamente a oposición á revolución social e o medo ao “bolxevismo”, si xogan un papel relevante na radicalización de excombatentes, tanto na Italia como na Alemaña.


Nos anos 90, sobre todo na historiografía alemá e nas achegas á IIGM dende a historia militar dende abaixo, se rexistran maiores avances. Os precedentes serían: Omer Bartov, The Eastern front and the Barbarization of Warfare e Hitler’s Army, historiador israelí establecido nos EEUU, un dos poucos historiadores da guerra que si fixo a guerra. O autor subliña:

  • A brutalización do combate na fronte do Leste;
  • Un paradoxo: o exército máis moderno atopábase nas condicións de combate que volven ás da IGM;
  • Rol da ideoloxización: os oficiais novos e mais a maioría dos soldados da Wehrmacht tiñan forte influxo da socialización nazi;
  • Por tanto: a guerra de exterminio da Wehrmacht no Leste non foi só cousa dos xefes ou de Hitler.


Alemaña poñerá o foco na responsabilidade da Wehrmacht:

  • Exposición Wehrmachtsverbrechen (crimes da Wehrmacht), 1995. Polémica debido ao papel dos soldados correntes na guerra de exterminio;
  • Streit, Keine Kaeraden; Hannes Heer, Vernichtungskrieg; Wolfram Wette, Die Wehrmacht (2002) e un longo etcétera son obras que tratan o tema;
  • Grande impacto da exposición sobre a Wehrmacht. Pregunta: avó, que fixeches na guerra? Harald Welzer et al., Opa was kein nazi (2010).


Exemplos de toda esta barbarie serían as “ordes criminais” da Operación Barbarroja; orde dos comisarios; exterminio de boa parte dos prisioneiros de guerra (non son combatentes dignos); execución de xudeus na retagarda por Eisantzgruppen (escuadróns móbiles) do SD/SS, con colaboración das tropas regulares, os partisanos executábanos inmediatamente. Sobre o terreo: ampla tolerancia cara aos abusos dos soldados da Wehrmacht contra a poboación civil ocupada. Outro exemplo é o Generalplan Ost: Exterminar metade poboación eslava ata os Urais; manter o resto como man de obra escrava; eliminar xudeus; converter o Leste nun territorio colonizado, con rexermanización de áreas enteiras…. Foi cousa dos líderes nazis, ou tamén souberon disto e participaron en boa medida os soldados do exército regular, e non só unidades do SD/SS e Waffen SS?


Utilizáronse fontes moi variadas como egodocumentos ou entrevistas (Klaus Latzel): grao de participación dos soldados nos crimes da Wehrmacht moito maior do que se cría (brutalización máis tamén adoutrinamento). Tamén o que se contou nas familias, aquí falamos de Kriegserfahrung, experiencia de guerra construída logo de reciclar e darlle un senso ás vivencias de guerra. Sönke Neitzel, historiador alemán moi coñecido que xunto a H. Welzer, na súa obra Soldaten (2011), utilizou:

  • Novas fontes: transcricións de conversas gravadas a prisioneiros de guerra;
  • Meirande papel da brutalización;
  • Moito menor papel da ideoloxización;
  • A meirande parte dos soldados loitaba pola supervivencia nun medio hostil.


Felix Römer, na súa obra Kameraden, Die Wehrmacht von Innen (2012), fía máis fino grazas a ter mellores fontes (transcricións dos norteamericanos, con interlocutores identificados). Este realiza unha interpretación intermedia: conta moito a brutalización da guerra, o medio hostil, as espirais de violencia e a camaradaxe. Porén: a socialización previa conta moito, é unha percepción alemana e condicionada do medio e da guerra. Por outra banda, N. Stargardt, no seu libro The German War (2015) chega a conclusións semellantes: os soldados alemáns están condicionados pola súa socialización. Porén: o éxito do réxime nazi é facer aparecer aos ollos da xente corrente a súa guerra imperial e de exterminio como unha guerra pola supervivencia da nación, unha guerra alemana. Este autor incorpora non só testemuños de soldados, tamén de civís, médicos, enfermeiras, e un longo etcétera.


Noutras historiografías, este tipo de estudos están moi subdesenvolvidos, mesmo na historiografía británica ou norteamericana sobre a IIGM. A historiografía rusa sobre a “Grande Guerra Patriótica” está moi presa da narrativa estalinista reavivecida dende a era de Putin. Os mellores especialistas sobre o Exército Vermello son británicos, norteamericanos ou alemáns (Catherine Merridale, Ivan’s War). Porén, algúns estudos (por exemplo, soldados norteamericanos no Pacífico, xaponeses na China) amosan dinámicas de grupo e de brutalización semellantes ás experimentadas polos alemáns, mais non é un debate tan central para esas sociedades de posguerra.


Máis avances, p. ex., no estudo da guerra de Vietnam “dende abaixo”, ben como dalgúns conflitos coloniais da posguerra, nomeadamente nos casos de Francia e Holanda. Tamén no caso de Portugal (Miguel Cardina) estase a estudar a experiencia da guerra colonial de 1961-74 “dende abaixo”. No caso español vemos unha limitada recepción na historiografía española da Guerra Civil, ou das guerras coloniais e da IIGM.


Outros temas son as memorias das guerras, con monumentos, cemiterios, xestión de culto aos caídos, “turismo de guerra”, paisaxes da memoria, (disto falan Jay Winter en Sites of Mourning; e Mosse, Fallen soldiers), moi aplicados para a IGM.


Para a IIGM temos estudos sobre todo da “cultura da vitoria” aliada ou soviética, ben como da pervivencia do “mito da Wehrmacht” na Alemaña e Austria, monumentalística soviética, cinema... Vemos tamén:

  • Veteráns de guerra en tempos de paz, tanto no período de entreguerras como na Guerra Fría e despois. Perspectivas globais e transnacionais (solidariedade entre veteráns);
  • Voluntarios de guerra (“soldados transnacionais”);
  • Experiencias de guerra de mulleres soldado: dende a IIGM, as soviéticas con testemuños recollidos por S. Aleksievich e mulleres soldado como perpetradoras da guerra;
  • Violacións e violencia de xénero (Wehrmacht na URSS, soviéticos na Alemaña oriental...).

Entradas relacionadas: