A Ilustración e Kant: Razón, Progreso e Crítica no Século das Luces
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,96 KB
A Ilustración e o Século das Luces
Características e Contexto Histórico
A Ilustración é o movemento característico do século XVIII. É unha época da historia do pensamento occidental que se caracteriza pola confianza no poder da razón humana. Preséntase como unha corrente ideolóxica optimista, baseada na confianza na razón e na ciencia. Representa unha ideoloxía e unha cultura elaborada pola burguesía europea na súa loita contra o absolutismo e a nobreza. Desenvólvese nun período de tempo comprendido entre a Revolución Inglesa (1688) e a Francesa (1789). E chámase “Século das Luces” ou “Século da Ilustración”.
Iníciase en Inglaterra, a partir da Revolución Industrial, que é un dos grandes acontecementos (xunto coa Revolución Científica) que marcan o devir do século XVIII. E xorde tamén a partir da obra de Locke (século XVII, empirismo) e de Newton. Gran Bretaña e os novos Estados Unidos foron os modelos dunha nova sociedade.
Difusión da Ilustración
Inglaterra
Na Ilustración inglesa predominan as cuestións de tipo científico, xunto cun talante político abertamente liberal (por obra de Newton e de Locke).
Francia
De Inglaterra esténdese máis tarde por Francia e Alemaña. O seu acontecemento histórico máis importante é a Revolución Francesa (1789), que se foi preparando grazas ao “novo clima de opinión” que xorde polas discusións nos “salóns” e nas academias científicas. A Revolución Francesa supón o fin do Antigo Réxime e o nacemento dos modernos sistemas parlamentarios. Neste tempo adquiriron novo protagonismo as mulleres, especialmente en Francia. A Ilustración francesa está marcada polas preocupacións sobre problemas sociais e políticos.
Alemaña
A Ilustración alemá é algo máis tardía. Céntrase preferentemente nunha análise dos fundamentos da razón. Ten a Kant como principal representante.
Ideas Fundamentais e Legado
O “Século das Luces” (como tamén se coñece ao século XVIII) foi unha nova época iluminada pola crítica, o progreso e a loita pola dignidade. Representa unha actitude que ten como centro o ser humano independizado das tutelas tradicionais (sociais, políticas, relixiosas…) e posuído por unha fe nos seus propios medios.
A Ilustración é a primeira cultura laica da historia de Europa. Unha cultura á marxe do cristianismo. O réxime político máis estendido no século XVII foi o absolutismo, que no XVIII se recicla en despotismo ilustrado. Os “déspotas ilustrados” toman da Ilustración o que lles convén e apóianse nela para introducir nos seus estados unha serie de reformas e melloras importantes: suprimen os restos que quedaban de feudalismo, protexen a agricultura coa construción de canles e pantanos, urbanizan e modernizan as cidades.
Immanuel Kant: Figura Central da Ilustración Alemá
Vida e Contexto de Kant
Podemos dicir que Immanuel Kant (1724 - 1804) é o filósofo máis importante do século XVIII e, polo tanto, filósofo ilustrado. Nace na cidade alemá de Königsberg (Prusia), agora rusa (Kaliningrado), no seo dunha familia humilde, que profesaba o pietismo e defendía unha moral rigorosa. O pietismo é unha relixión, un movemento protestante xurdido tras a Reforma de Lutero.
Tras realizar os seus estudos e traballar como titor de familias acomodadas, comezou a ensinar na Universidade da súa cidade natal, onde coñeceu a Martin Knutzen, que o fixo interesarse nas ciencias da natureza e nas matemáticas.
Era extremadamente metódico nos seus costumes e sempre estivo atento aos acontecementos do seu tempo: independencia dos Estados Unidos e Revolución Francesa. Os seus ideais liberais levárono a defender ambos acontecementos. Era ademais un pacifista convencido e un antimilitarista.
Influencias Filosóficas
Coñecedor dos clásicos e da filosofía do seu tempo. Tiña tamén un rigoroso coñecemento das matemáticas e da física. Leu e valorou especialmente a Hume, que o “espertou do soño dogmático”; a Rousseau, que lle inculcou os ideais da Ilustración; e a Newton, que o levou a preguntarse por que a metafísica non evoluciona coma outras ciencias.
Morreu en 1804 e na súa lápida aparece a seguinte inscrición: “Dúas cousas enchen o ánimo de admiración e respecto: o ceo estrelado que está sobre min e a lei moral que hai en min”.
Obras Principais
Entre as súas obras destacamos:
- Crítica da Razón Pura
- Prolegómenos a toda metafísica futura
- Crítica da Razón Práctica
- Fundamentación da Metafísica dos costumes