Literatura Galega do Exilio (1936-1976): Unha Visión Xeral

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,46 KB

Literatura Galega do Exilio (1936-1976)

Unha Visión Xeral

O triunfo dos fascistas na guerra civil española supuxo a implantación dunha política cultural e lingüística terribelmente centralizadora e homoxeneizadora, que impuxo un silencio obrigado na literatura galega.

Como consecuencia da vitoria en 1939 dos militares sublevados contra a República, o labor literario que se comezara a desenvolver no primeiro terzo do século XX ten que trasladarse fóra de Galicia ata 1950, ano da morte de Castelao e da auto disolución do Partido Galeguista. Nese ano a loita galeguista abandonaba a escena política e centrábase no labor cultural, impulsado polo grupo Galaxia. Mentres, entre 1939 e 1950, o centro da actividade literaria galega pasará a ser México e Bos Aires. Na capital arxentina entran en contacto os emigrados antes da sublevación militar (Emilio Pita, Varela Buxán) cos exiliados (Seoane, Valenzuela), e comezarán a desenvolver un amplo traballo intelectual, a impulsar a conciencia galeguista e a difusión da cultura galega a través de conferencias, publicación de revistas, creación de editoriais, publicacións periódicas, emisións radiofónicas, ou edicións de libros. Eles van ser os encargados de continuar coa cultura galega, que a Galicia interior vira rachada pola represión do Réxime franquista.

No exilio vanse publicar as obras que en Galicia non podían ver a luz. De entre todos os autores que desenvolveron a súa actividade no exilio podemos destacar os poetas Emilio Pita, Luís Seoane e Lorenzo Varela e aos narradores Ramón Valenzuela e Silvio Santiago.

Características da Literatura do Exilio

As circunstancias socio-políticas en que os exiliados e emigrantes en América desenvolven a súa obra marcan esta dun xeito importante, e motivan unha serie de características que definen a maioría das obras:

  • Poesía da Primeira Etapa: A poesía da primeira etapa do exilio está marcada pola esperanza do regreso e caracterizada polo ton de denuncia, nunha liña que anticipa o socialrealismo. Os temas son a emigración e o exilio.
  • Nostalgia e Memoria: Posteriormente, aparece a nostalxia pola patria perdida, cun compoñente mitificador a partir da rememorización, a idealización das lembranzas do pasado propias do mundo dos exiliados e da reivindicación do pasado histórico de Galicia. Agora, a memoria é o eixo dunha poesía na que non deixa de estar presente o drama do eterno regreso. Continúa tamén a denuncia de claro signo civil, difícil de levar a cabo na propia Galicia.
  • Realismo na Novela: Na novela predomina o relato realista, no que sobresae a acción, a desacougante aventura persoal da guerra e da fuxida de España. Son, pois, novelas escritas para contar a experiencia dos seus autores na guerra e no exilio, unha especie de memorias da represión dos anos da contenda e da fuxida daquela dramática situación, non esquezamos que están contadas desde o bando republicano. Ao mesmo tempo está presente a nostalxia pola terra de orixe á cal idealizan.
  • Teatro Popular e Culto: O teatro popular galego no exilio pretende manter viva a tradición e o conxunto de costumes e crenzas que configuran o patrimonio cultural do pobo. Pero hai tamén un teatro culto que pretende transmitir a existencia dunha Galicia libre de sometementos alleos, rescatando a memoria histórica deste país do esquecemento.

Entradas relacionadas: