A Poesía Galega nas Irmandades da Fala (1889-1939)

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 9,52 KB

Contexto Histórico e Cultural

A etapa das Irmandades (1889-1939) divídese en tres períodos: a Restauración Borbónica (finais do século XIX - 1931), a II República (1931-1936) e a Guerra Civil (1936-1939), que coinciden co Posrexurdimento e a Época Nós en literatura. Nestes anos desenvolvéronse movementos sociais moi importantes para Galicia como o agrarismo, o nacionalismo, a emigración e o movemento obreiro.

O Agrarismo

Foi o movemento social máis representativo do primeiro terzo do século XX. O seu obxectivo era procurar mellores condicións de vida para os campesiños. Primeiro a través de Solidaridad Gallega (1907-1915) e máis tarde coa constituída en 1912 Acción Gallega, dirixida por Basilio Álvarez. Os integrantes eran grupos de ideoloxía heteroxénea que defendían a abolición dos foros, que se consegue en 1926, durante a ditadura de Primo de Rivera.

O Nacionalismo

Superados os movementos provincialista e rexionalista do século XIX, desenvólvese a terceira fase do galeguismo, o nacionalismo, que nace coa creación das Irmandades da Fala en 1916, polos irmáns Vilar Ponte. Esta organización reivindicaba a autonomía integral para Galicia e a cooficialidade dos idiomas galego e castelán. O proxecto inicial converteuse despois nunha plataforma política, pero sen éxito, debido aos malos resultados obtidos nas eleccións de 1918. A partir de 1922, fractúrase en dúas liñas, cultural e política, das que triunfa a primeira, defendida por Vicente Risco, que vai ser o impulsor dun brillante proxecto cultural vertebrado arredor da revista Nós.

En 1931 fórmase o Partido Galeguista, que unía conservadores e liberais.

O Seminario de Estudos Galegos

O Seminario de Estudos Galegos xorde en Santiago en 1923 co fin de formar investigadores e divulgar a realidade galega.

A Poesía das Irmandades: Ramón Cabanillas

A poesía das Irmandades inclúe aos escritores nados entre 1869 e 1879, entre os que destacamos a Ramón Cabanillas e Antonio Noriega Varela.

Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959)

É o poeta máis sobresaínte da época, pero debido á súa lonxevidade e a que se deu a coñecer como escritor serodiamente, a crítica coincide en sinalar a dificultade de adscribilo a un grupo ou xeración determinada. Con todo, pola súa vinculación ao agrarismo e polas características da súa obra (claramente prevangardista), é máis pertinente estudalo no período intersecular.

Na obra de Cabanillas atopamos o alento social de Curros Enríquez, a liña intimista de Rosalía de Castro e o ton épico de Eduardo Pondal. Ademais, vese certa influencia do Modernismo na súa obra.

Ramón Cabanillas naceu en Cambados en 1876. Estudou no Seminario Menor de Santiago. Entre 1910 e 1916 reside en Cuba, onde comeza o seu labor literario. En 1916 regresa a Galicia e desempeña labores burocráticos. Na posguerra continúa exercendo o cargo de secretario en varios municipios pontevedreses. Pasa os últimos anos no mosteiro de Samos e morre en 1959.

Durante a súa vida estivo presente nos acontecementos máis salientables: apoiou o agrarismo, formou parte das Irmandades da Fala, publicou na revista Nós, participou nas actividades do SEG e foi membro da RAG e da RAE.

Foi un dos autores máis fecundos da literatura galega. Escribiu poesía, prosa, teatro e fixo traducións.

Poesía

Na poesía podemos destacar dúas modalidades: a lírica e a narrativa.

  • Lírica: fixo poemas intimistas, amorosos, con recreacións da natureza e a evocación do pasado. En A rosa de cen follas (1927), a influencia de Rosalía é evidente xa desde o título, tirado dun verso de Follas Novas; os poemas cívicos ou sociais como Da terra asoballada (1917), onde recolle postulados agraristas e o ideario das Irmandades da Fala (Cabanillas é proclamado sucesor de Curros Enríquez) e poemas costumistas, onde recrea tipos e costumes rurais desde unha perspectiva crítica e humorística, un exemplo é a súa obra Antífona da cantiga (1951).
  • Narrativa: recrea un pasado cheo de esplendor e augura un futuro esperanzador para Galicia. As obras máis importantes son O bendito San Amaro (1925) e Na noite estrelecida (1926). Esta última é un longo poema narrativo, dividido en tres sagas: A espada Escalibor, O Cabaleiro do Santo Graal e O soño do rei Artur, baseadas en temas da materia de Bretaña e tamén da épica céltica e da tradición cristiá adaptadas a reconstruír o pasado mítico de Galicia.

Evolución Literaria de Cabanillas

Na evolución literaria de Cabanillas distinguimos catro fases:

  • Etapa de formación (1910-1915): (pregaleguista/agrarista). Recibe a influencia de intelectuais galeguistas. Predomina a temática intimista e social (denuncia a miseria dos labregos, defende a supresión dos foros e dos caciques). Tamén recibe influencias modernistas do século XX como Rubén Darío. Nesta época publica No Desterro (1913) e Vento mareiro (1915).
  • Etapa decisiva (1916-1920): (galeguista). Influenciado polas Irmandades da Fala, trata de achegar as ideas galeguistas ao pobo galego mediante poemas de carácter didáctico. É un poeta civil que loita polos intereses de Galicia: defensa da lingua e de Galicia como nación. Nesta época escribe Da terra asoballada (1917) e a obra teatral A man da santiña (1921).
  • Etapa mítico-saudosista (1920-1931): (nacionalista). Obsérvase a influencia pondaliana nunha poesía empeñada en reconstruír o pasado mítico de Galicia. As obras máis representativas son: Na noite estrelecida (1926) e o drama O mariscal (1926). Destaca a lingua elaborada e a métrica de corte clásico.
  • Etapa de madurez (1939-1959): (intimista) caracterizada polo afastamento do compromiso ideolóxico, coincide cos seus últimos anos de reclusión no mosteiro. A poesía deste período é intimista e autorreflexiva e segue unha liña de pesimismo existencial conseguido cun ton poético grave e contemplativo e co uso do verso clásico. Escribe a colección de poesía narrativa Camiños no tempo (1949), a antoloxía popular Antífona da cantiga (1954), ou o poema homónimo Samos (1958).

Lingua e Estilo

Polo que respecta á lingua e ao estilo, durante a súa primeira etapa utiliza unha lingua dialectal baseada no galego da comarca do Salnés, pero a partir dos anos vinte vai perfeccionando e corrixindo a lingua como reflexo da tendencia culta do momento. Cabanillas tamén é considerado un gran versificador, utilizando metros e estrofas non empregadas na poesía galega ata o momento (dodecasílabos, alexandrinos...).

Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1869 – Viveiro, 1947)

Comeza estudos eclesiásticos en Mondoñedo que non remata, logo estuda Maxisterio. Entra en contacto co agrarismo (publica poemas anticaciquís) e cos intelectuais do Grupo Nós e da literatura portuguesa. Será membro da RAG. A súa obra consta de dous títulos –en realidade diferentes edicións do mesmo poemario- revisados e reeditados en varias ocasións: Montañesas (1904/1910) e Do ermo (1920/1929/1946). Neles pódense diferenciar dúas liñas temáticas:

  • Poesía costumista e ruralista: influída polos autores do século XIX, nela están presentes os motivos paisaxísticos, costumes, tradicións e vida dos campesiños de Mondoñedo. En canto á forma, Noriega mostra un gran dominio da lingua e métrica popular.
  • Poesía modernista e saudosista: recibe influencias de Rubén Darío, Teixeira de Pascoaes e dos clásicos latinos. Trátase dunha poesía culta e refinada, que segue tomando como motivo as paisaxes portuguesas. Convértese en poeta das cousas pequenas (os vermes, as espiñas, as fontes, as flores, as folerpas de neve…) cunha actitude de atracción polo humilde e polo desamparado.

O franciscanismo é unha manifestación literaria de profunda relixiosidade do autor que concibe a obra como un canto de grandeza de Deus e que ve nos elementos da natureza símbolos das virtudes cristiás: a humildade, a pobreza, a piedade, etc.

Outros Autores

Outros autores desta xeración son:

  • Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963): Ademais de prosista xogando un papel destacado na narrativa galega curta nos anos vinte, López Abente é autor de sete poemarios. A crítica literaria é unánime na consideración do poemario Do outono (1924), composto por sesenta sonetos de temática diversa (paisaxísticos, patrióticos, moralistas...), como a súa obra máis significativa. Os seus contemporáneos tamén o consideraron como o mellor sonetista da lingua galega.
  • Victoriano Taibo (Compostela, 1885-Vigo, 1966): Mestre de profesión, como poeta resulta un discípulo de Cabanillas, a quen imita con dedicación. Taibo é autor de un só poemario, Abrente (1922).

Conclusión

En definitiva, o primeiro terzo do século supón para a poesía galega unha época de continuidade respecto ás obras do Rexurdimento á que se engadirá unha certa renovación representada por Ramón Cabanillas, o autor que mellor soubo recoller e plasmar na súa obra a transición do século XIX ao XX.

Entradas relacionadas: