El Pórtico da Gloria de la Catedral de Santiago de Compostela
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 5,38 KB
O Pórtico da Gloria formaba parte da fachada occidental realizada polo mestre Mateo, e os colaboradores do seu obradoiro, no derradeiro terzo do s. XII. No ano 1168, o rei de León e Galicia Fernando II encárgalle a Mateo levar a cabo as derradeiras obras da Catedral compostelán (consérvase o documento do contrato que constata o recoñecemento que o monarca fai do artista).
Unha inscrición no lintel danos a data de 1188.
En substitución dunha primitiva fachada, similar a de Praterías, resolve realizar un nártex monumental flanqueado por torres xemelgas de base cadrada. Para sustentalo e salvar o desnivel do terreo, construíu un grande basamento conformado pola cripta, tamén coñecida como catedral vella. Iconograficamente a cripta simboliza o mundo terreal coa súa bóveda celeste –sol e lúa nas claves das bóvedas- sobre a que se asenta a Gloria do pórtico. Na parte alta, unha galería que comunica coa tribuna e que se ilumina a través dos óculos abertos sobre os arcos laterais do Pórtico, na clave da bóveda o Año de Deus, a prefiguración do sacrificio de Cristo, a luz que iluminará e salvará o mundo.
ANÁLISE
O nártex, de pequenas dimensións e cuberto por bóvedas de crucería, presenta na contraportada catro anxos trompeteiros chamando ao Xuízo Final, mentres que a portada que da paso ás naves estruturase en tres grandes vanos en arco de medio punto, en correspondencia coas naves, sustentados por piares con columnas adosadas. O arco central, o dobre que os laterais, é o único que posúe tímpano e está dividido por un parteluz coa figura de Santiago.
Esta idea de pórtico resulta herdanza dos arcos de triunfo romanos, engadindo á súa función propagandística a función didáctica.
A interpretación non é unánime, considérase que é a plasmación do Apocalipse de San Xoán, segundo o cal o templo representa a nova Xerusalén que descende do Ceo, insistindo na idea do fin do mundo, e para outros a alianza, simbolizada en Xesús, do pobo xudeu anterior a Cristo, á esquerda, e os xentís, á dereita, que tras da chegada de Cristo ascenden por medio del á Gloria, única vía de salvación. Tamén se dubida da orde en que debería lerse: de arriba abaixo, horizontalmente, partindo do tímpano central...
No arco lateral esquerdo reflicte temas do Antigo Testamento (creación de Adán e Eva, cativerio das tribos de Israel, descenso de Xesús ó Limbo) baixo a idea xeral da espera dos xustos pola chegada do Salvador. No oposto, temas do Novo Testamento co Xuízo Final, onde os condenados reciben o castigo acorde ós seus pecados e os elixidos son levados á Gloria. No arco central o descenso de Cristo á terra para xulgar ós homes e a Gloria
Analizamos o conxunto desde abaixo: soportes e arcos:
-Os soportes de columnas adosadas das arcadas posúen altas basas con figuras de monstros, son as bestas apocalípticas vencidas. Sobre o primeiro corpo destas columnas, nas xambas, as estatuascolumna, coas figuras, á dereita, dos Apóstolos, de curtas e coidadas barbas, portando códices, na esquerda os profetas con largas barbas e portando rolo pois non son autores de escritos. Son os enviados de Deus para difundir a súa mensaxe, como demostra nos rótulos das cartelas que portan, ao tempo que actúan de intermediarios entre os peregrinos (abaixo) e Deus (arriba).
Na basa do parteluz, a figura dun home suxeitando dous monstros, pode interpretarse como Sansón; no fuste a árbore de Jessé simboliza a xenealoxía de Cristo; capitel coa Santísima Trindade en alusión á súa natureza divina. No alto, a figura de Santiago sedente acollendo o peregrino, leva o bastón de peregrino e un pergameo. Por dentro posto de xeonllos en actitude penitente o propio Mateo, popularmente coñecido como santo dos croques.
-Os arcos. No central, a arquivolta acolle os 24 anciáns do Apocalipse afinando instrumentos musicais - maioritariamente de corda- e o tímpano presenta un Pantocrátor cun Cristo-Xuíz maxestático e hierático coroado como rei, en tamaño maior que o resto das figuras acorde coa perspectiva xerárquica, cos brazos abertos, mostrando as chagas, é un Cristo misericordioso, non ameazante, que ofrece a salvación. Rodéano os catro Evanxelistas en actitude de escribir apoiados cada un no seu símbolo (Lucas, touro; Marcos, león; Xoán, aguia; Mateo escribe sobre un ábaco –en recordo do seu oficio de cobrador de impostos- pois non sería propio facelo sobre o anxo que é o seu símbolo) e anxos portando os instrumentos da Paixón; ocupando o resto de espazo dispoñible, os benaventurados. Simboliza a Xerusalén celeste coa presenza dos elixidos, anxos e benaventurados.