A Prosa Galega Contemporánea: Evolución, Estilos e Autores Clave

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,11 KB

A Prosa Galega Contemporánea: Un Rexurdimento Literario

A prosa galega alcanzou, coa chegada do período democrático, un gran desenvolvemento. Podemos apuntar dúas causas principais: a promoción que o galego comezou a ter nos medios de comunicación e no ensino, e o significativo aumento de editoriais e de certames literarios.

Narrativa Galega

En 1981 falecen tres dos referentes consolidados da narrativa galega: Dieste, Blanco Amor e Cunqueiro. O seu lugar hexemónico pasan a ocupalo mestres xurdidos da Nova Narrativa como Ferrín ou Casares; á vez que aparece tamén un novo grupo de narradores, amplo e heteroxéneo.

Estilos e Temas na Narrativa

Xógase cunha diversificación de estilos, técnicas e rexistros lingüísticos, froito dunha clara vontade renovadora. Incorpóranse novas modalidades narrativas ata agora case inéditas nas nosas letras: a novela policial, a novela de ficción científica, a novela de aventuras, a novela crónica, a novela de misterio ou terror... Tamén se dá unha gran variedade nos contidos: ao lado de temas clásicos (o amor, o paso do tempo...), trátanse novos temas achegados á realidade social do país (a delincuencia, o paro, o narcotráfico...).

Os Autores da Prosa Galega

Conviven distintas promocións:

Promoción dos 80

A meirande parte naceron despois de 1950 e comezaron a publicar a partir da década dos 80. Abriron o camiño á diversificación da novela (ficción científica, erótica, policial...). O seu labor creador tamén alcanza outros campos: poesía, xornalismo, teatro... Entre eles están: Victor F. Freixanes e Manuel Rivas (A Coruña, 1957). Rivas é un extraordinario observador da Galicia de hoxe. A identidade de Galicia, os seus problemas e a proxección destes desde o local ao universal crean un mundo literario persoal. Nas súas primeiras obras, como Un millón de vacas (1989) ou Os comedores de patacas (1991), analiza a tensión, case esquizofrénica, entre tradición e modernidade, entre mundo rural e urbano, da nosa sociedade. En novelas máis recentes, como O lapis do carpinteiro (1998) ou Os libros arden mal (2006), Rivas busca a recuperación da memoria histórica centrándose especialmente no período da Guerra Civil e da posguerra e nas súas vítimas.

Promoción dos 90 e da década do 2000

Naceron despois de 1960 e comezaron a publicar na década dos 90 ou do 2000. Apréciase un maior esforzo por construír novela longa e un aumento das mulleres narradoras. Destacan: Miguel Anxo Murado, Anxos Sumai, Teresa Moure, Francisco Castro, Domingo Villar ou Rosa Aneiros.

Teresa Moure

(Monforte, 1969). A súa obra posúe unha fonda intencionalidade moral; é combativa e de talante transgresor. Desde unha perspectiva claramente feminista non analiza só a situación da muller, senón que tamén reflexiona sobre a sociedade actual, a ecoloxía, o pacifismo ou o multiculturalismo. En Herba moura (2005), a súa obra máis recoñecida polo público e pola crítica, crúzanse as historias de tres mulleres fortes e inconformistas de distinta época, idade e condición social.

Ensaio Galego

Desde a década dos 80 asistimos á eclosión do xénero do ensaio. Isto débese, por exemplo, á aparición de revistas de pensamento como Encrucillada (1977), A Festa da Palabra Silenciada (1983), Luces de Galiza (1985) ou A trabe de ouro (1990), e tamén á especialización editorial, con novas coleccións ou selos preferentemente ensaísticos. Así, hoxe temos unha produción plenamente diversificada:

  • Ensaio económico e político: Por unha Galicia liberada (1984), Xosé M. Beiras.
  • Ensaio sociolingüístico: Outro idioma é posible (2005), de Teresa Moure.
  • Ensaio teolóxico: Palabras para os amigos (1990), de Miguel A. Arauxo Iglesias.
  • Ensaio filosófico: Sobre o tempo e outros desatinos (1991), de Antón Baamonde.
  • Ensaio literario: De Pondal a Novoneyra (1984), de Xosé L. Méndez Ferrín.

Entradas relacionadas: