Transformación de Galicia no Século XVIII: Reformas Borbónicas e Desenvolvemento Económico

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,57 KB

Galicia no Século XVIII: Reformas Borbónicas e Desenvolvemento Económico

No século XVIII, o Reino de Galicia mantivo a súa importancia estratéxica como baluarte marítimo na defensa do imperio colonial americano fronte ao paso das armadas inimigas. Ante esta situación, os Borbóns e os seus gobernos interviron en Galicia creando novas institucións e servizos.

A Intendencia do Reino de Galicia

Unha delas foi a Intendencia do Reino de Galicia, instaurada no ano 1712 con sede na Coruña. Foi a institución que máis favoreceu o desenvolvemento económico de Galicia, e entre as súas funcións salientaban:

  • As relacionadas co exército (recrutamento de soldados, abastecemento das tropas, fortificación das cidades).
  • As relacionadas coa facenda (administración e control das rendas e contribucións reais).
  • As relacionadas coa xustiza e a policía (ordenanzas e proxectos de mellora de vilas e cidades).

O Arsenal de Ferrol e as Fortificacións Costeiras

Outra reforma destacada foi a construción do arsenal de Ferrol e de varias fortificacións costeiras, como baterías e castelos, destinados a facer fronte aos ataques estranxeiros, sobre todo británicos, que se dirixían a saquear as cidades litorais ou a capturar os barcos cargados de mercadorías procedentes de América.

O proceso iníciase en 1726, cando Felipe V establece en Ferrol a sede do Departamento Marítimo do Norte e unha das bases das Armadas reais. A partir de 1746, con Fernando VI, iniciouse a construción dos estaleiros e do arsenal que converteron a Ferrol na principal cidade de Galicia. En 1776, xa con Carlos III, creouse a Academia de Garda Mariñas para a formación dos mandos militares.

Todas estas iniciativas provocaron a chegada masiva de poboación a Ferrol, o que obrigará á creación de novos barrios, como os de Esteiro ou a Magdalena, que adoptarán no seu deseño un trazado urbanístico a base de cuadrículas (plano hipodámico), moi do gusto dos arquitectos ilustrados.

Apertura do Comercio Colonial

De igual importancia será a apertura do comercio colonial en Galicia, eliminando así o monopolio que exerceran ata o momento Sevilla e Cádiz. Para iso créase en 1734 a Compañía de Galicia para a explotación e comercialización do pao de Campeche. En 1764, fúndase o Servizo de Correos Marítimos para levar correspondencia, persoas e mercadorías aos portos da Habana e Bos Aires. Ó ano seguinte, autorízase ó porto da Coruña para comerciar directamente con América e, finalmente, en 1785, créase o Consulado Marítimo e Terrestre para comerciar coas posesións españolas de América e Filipinas.

Todas estas concesións favoreceron o crecemento comercial e económico de Galicia, pero sobre todo da Coruña que se renovará en termos urbanísticos e portuarios.

A Matrícula do Mar

Outra medida relevante foi o establecemento da matrícula do mar. Esta foi un sistema de recrutamento de tripulación para os buques da Armada co obxectivo de garantir a existencia dun persoal competente no seu manexo, nun contexto de crecentes enfrontamentos navais polo control das rutas comerciais e das colonias. A través desta medida, só poderían pescar aquelas persoas que estiveran matriculadas e que, ademais, quedaban exentos das quintas e dos impostos municipais. A cambio poderían ser chamados para servir á Real Armada ata os 60 anos.

Esta disposición que incluía a división das costas españolas en tres departamentos marítimos (Ferrol, Cádiz e Cartaxena) non logrou mellorar a actividade pesqueira e coincidirá coa chegada de comerciantes cataláns que, a partir de 1760, introducirán novas técnicas de pesca e de salgadura coas que incrementarán uns beneficios que lles permitirán facerse co control desta actividade, provocando revoltas e críticas entre os mariñeiros e ilustrados galegos.

Outras Iniciativas e Limitacións

Finalmente, para mellorar as comunicacións interiores, en 1794 iníciase a construción da estrada de Castela e, ó longo do século XVIII, desenvólvese unha importante actividade manufactureira, entre as que podemos destacar as Reais Fábricas de Sargadelos (complexo sidero-metalúrxico), a actividade téxtil de carácter doméstico ou as actividades das curtidoiras.

Con todo, todas estas iniciativas non chegarán a transformar un sistema económico galego que seguirá centrado na terra e nas actividades agropecuarias.

Entradas relacionadas: