Análise da poesía do Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,72 KB
A Xustiza pola Man (Rosalía de Castro)
Contexto
O poema "A Xustiza pola Man", escrito por Rosalía de Castro, forma parte da súa obra "Follas Novas". Esta escritora, caracterizada pola súa visión feminista, posiciónase como clara defensora da situación das mulleres da clase traballadora, sendo así unha grande reivindicadora social.
Temática
Na composición, Rosalía desenvolve unha das temáticas máis senlleiras de "Follas Novas": as inxustizas e hipocresías sociais. Nestes versos, Rosalía invita á rebeldía e á vinganza ante as inxustizas. A voz poética expón no segundo verso o roubo da "brancura", vinculado á clase social, representando a unha labrega que comeza a traballar no campo, perdendo así a brancura da súa pel e vivindo un desafiuzamento. Como consecuencia desta situación, os fillos desta muller morren de fame, son considerados como "raposos" no poema, o que se corresponde cunha reivindicación social. A muller busca amparo na xustiza civil e divina, pero non a atopa. En consecuencia, decide tomar a xustiza pola súa man, representada na figura da loba que loita polas súas crías. De noite escura, diríxese cara á casa do cacique e o asasina, facendo cumprir a lei e alegrándose do final.
Estilo
Dun xeito claro, observamos a continuidade que supón "Follas Novas" na actitude de denuncia fronte ás aldraxes introducida en "Cantares Gallegos", sendo unha poesía rítmica debido á vinculación da poesía rosaliana coa música, con abundancia de recursos repetitivos. Finalmente, tamén se caracteriza pola sinxeleza na forma.
O Maio (Curros Enríquez)
Contexto
"O Maio" pertence a Curros Enríquez e á obra "Aires da Miña Terra". Como ben observamos nesta composición, Curros é un forte reivindicador social, cuxa obra xira en torno a dous eixes temáticos: o anticlericalismo e o seu sentimento de ira e inconformismo.
Temática
Neste poema, hai unha clara posición de Curros en prol da función social do poeta, permanecendo ao lado do pobo co obxectivo da explicación da situación de inxustiza social. O maio é unha celebración ancestral galega na que se realizan pirámides con plantas que, neste poema, representa o tempo novo, de liberdade e progreso. Porén, para a voz poética, continúa a haber unha situación adversa: o inverno non ten nada que darlles aos rapaciños para construíren o seu maio. Dende o seu punto de vista, cando sexan libres de caciques e cando a situación social se iguale, representado polo florecemento dos eidos, chegará o maio desexado. Na última estrofa do poema, observamos tamén dous eixes temáticos currosianos sumamente importantes: o anticlericalismo e a aposta decidida polo progreso material, cando non haxa cregos, foros, quintas, etc., o maio será chegado.
Estilo
Esta composición identifícase claramente coa poesía do autor de Celanova, claramente vehemente e en prol da liberdade e progreso, relacionado co social-realismo da súa obra.
Os Pinos (Eduardo Pondal)
Contexto
"Os Pinos", escrito por Eduardo Pondal, pertence á súa obra "Queixumes dos Pinos". Pondal foi o poeta máis diferente do Rexurdimento, debido á súa clase social alta que determina a súa obra. Escribiu poemas nos que o home desenvolve o seu rol tradicional cunha linguaxe agresiva e simbolismo bélico.
Temática
O poema comeza con referencias á natureza, neste caso aos pinos, os rumorosos, acompañados de simboloxía viril moi característica en Pondal. Este exército alto (as altas copas) e coas súas follas en forma de frecha (arume arpado) móvese e fai ruído co vento. Esta simboloxía utilizada en base a elementos da natureza é típica en Pondal, xunto cos elementos virís que continúan no poema relacionados co universo épico que crea Pondal na súa obra, no que é importante destacar que a muller ocupa un papel secundario. A composición continúa con referencias ao celtismo, o eixe temático principal, representado na figura de Breogán (xigante pai de Galicia) e en toda a simboloxía da natureza anterior, derivada da relixiosidade celta. Pondal trata de recordar aos galegos que "os tempos son chegados", é dicir, é a hora de iniciar a loita pola liberación da terra oprimida, insultando a aqueles que non entenden esta misión. O último concepto introducido no poema é o bardismo: Pondal considérase como o vate visionario encargado de guiar e instruír ao pobo buscándose na estirpe celta.
Estilo
Todo o conxunto dos eixes temáticos presentes no poema, cuxos versos conforman a letra do himno galego, son sumamente característicos de Pondal, cos que lembra a nobreza da terra, a estirpe galega e que chega a hora de loitar.