Cantigas de Escarnio e Maldicir: Sátira Medieval

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,53 KB

As cantigas de burla teñen un modelo no sirventés provenzal. O sirventés era un tipo de poesía serio, que a miúdo abordaba temas elevados (morais, filosóficos, literarios).

Tipos de Cantigas de Burla

  • Cantigas de escarnio: eran as que falaban mal dalgunha persoa. Era, xa que logo, sátira persoal, e nela empregaban palabras de dobre entendemento mediante o equívoco. Satirizaban de forma indirecta e encuberta.
  • Cantigas de maldicir: eran aquelas nas que se falaba mal de forma aberta. Implicaban unha sátira clara e directa na que se lle chamaba ás cousas polo seu nome.

As cantigas son o espello da sociedade da época, pero sobre todo da mentalidade do home medieval: dos seus valores, prexuízos, obsesións...

Un gran número de cantigas teñen como destinatario das burlas as mulleres. En contraste coa idealización propia da lírica amorosa, encontramos nelas un retrato cruel da muller. A dimensión do mundo feminino redúcese á sexualidade. As mulleres, xunto cos homosexuais, son vítimas desa mentalidade.

Tipoloxía das Cantigas de Burla

Sátira Política

Unha serie pouco numerosa de cantigas entran de cheo nos problemas políticos e militares que preocuparon aos monarcas do século XIII. Dous ciclos principais: críticas aos cabaleiros que entregaron os seus castelos a Afonso XIII na guerra portuguesa, e a crítica aos nobres que traizoaron e lle negaron a súa axuda a este na guerra de Granada en 1264.

Sátira Literaria

Multitude de cantigas burlescas teñen como motivo a propia literatura e os seus autores. Os enfrontamentos entre xograres e trobadores eran unha especie de xogo de ensino para demostrar as habilidades literarias e dar saída ás rivalidades persoais. Tres ciclos:

  1. Enfrontamentos entre xograres e trobadores cando os xograres reclaman un rol de compositores e suxeitos, polo tanto, do amor cortés, privilexio reservado aos nobres. Neste entrarían tamén as burlas a xograres pola falta de calidades artísticas.
  2. Parodias do amor cortés en que se ridiculizan os motivos temáticos ou a linguaxe das cantigas de amor.
  3. O ciclo das amas tecedeiras polo capricho dun nobre portugués de dirixir unha cantiga de amor a unha ama de cría. Grave alteración do amor cortés xa que a senhor tiña que ser de elevada clase social.

Sátira Social, Tipos e Costumes

Entre as sátiras de costumes resaltan as críticas á avaricia, ás crenzas na astroloxía e na adiviñación e ás modas. As críticas a grupos sociais atinxen as máis diversas actividades: os infanzóns, cabaleiros pobres ridiculizados polas súas pretensións nobiliarias e a miseria na que viven e os cregos, frades e monxas aos que se censura polos seus vicios pouco cristiáns (a gula e a luxuria).

Sátira Obscena

Procuran o riso fácil con referencias, máis ou menos encubertas, ao sexual e escatolóxico. Pode mesturarse con calquera dos outros temas ou aparecer como único motivo da cantiga. Resaltan as dedicadas ás soldadeiras.

A Lingua

Desde o punto de vista estilístico caracterízanse pola súa linguaxe directa, adecuada aos temas que desenvolven. A estrutura conta habitualmente dunha primeira estrofa, que presenta o motivo central, onde se cita polo seu nome a persoa satirizada cando a sátira é persoal, e as restantes que glosan a burla inicial mediante recursos paralelísticos. Nalgunhas hai unha importancia na narratividade xa que desenvolven unha pequena anécdota.

Entradas relacionadas: