Explotacións Agrarias en España: Tamaño, Tenza e Técnicas

Clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,7 KB

As explotacións agrarias

Unha explotación agraria é unha unidade económica que agrupa todas as parcelas traballadas por unha persoa agricultora ou gandeira, xunto ás instalacións complementarias.

En España contabilízanse na actualidade un millón de explotacións agrarias, cifra moi inferior á de décadas anteriores. O descenso do seu número débese ao abandono de terras polas persoas que se xubilaron, emigraron ou cambiaron de actividade, e tamén ao proceso de concentración de parte desas terras.

Esa concentración permitiu a elevación do tamaño medio das explotacións, aínda que existen fortes contrastes que dan lugar a unha dualidade cada vez maior entre:

  • Explotacións familiares: moi pequenas e pouco rendibles, en progresivo abandono ou traballadas só a tempo parcial cunha baixa produtividade.
  • Empresas agrarias: de particulares, sociedades ou cooperativas, que teñen maior dimensión, estanse modernizando e son rendibles.

Tamén existen importantes diferenzas rexionais en canto ao tamaño medio das explotacións agrarias: as rexións dominadas por cultivos de secaño ou devesas presentan explotacións de maior tamaño medio (Andalucía occidental, Estremadura, Castela-A Mancha, parte de Castela e León e Aragón), e as rexións húmidas e de especialización gandeira, xunto aos regadíos do litoral mediterráneo, contan con explotacións máis pequenas (norte da Península e Comunidade Valenciana).

No tocante ao réxime de tenza, pódese distinguir entre:

  • Tenza directa: explotación traballada polos seus propietarios.
  • Arrendamento: explótanse terras alleas a cambio dunha renda anual.
  • Parcería: explótanse terras a cambio dunha porcentaxe da colleita.

Na actualidade, un 70% das terras cultivadas mantéñense en tenza directa e tende a desaparecer o sistema de parcería.

A creación de cooperativas (arredor de 4.000, que xestionan o 45% da produción) foi un xeito de conseguir explotacións agrarias rendibles de dimensión suficiente. Predominan as dedicadas a transformar os produtos e comercializalos.

As técnicas e sistemas agrarios

As técnicas e os sistemas agrarios experimentaron cambios desde a década de 1960.

As transformacións técnicas consistiron na incorporación de avances como a mecanización de tarefas, a selección xenética das sementes e razas gandeiras, ou o uso de fertilizantes químicos e produtos fitosanitarios. Estas transformacións e modernizacións supuxeron unha crecente intensificación da produción e un aumento do rendemento.

As transformacións máis importantes son:

  • Crecente especialización do territorio nos cultivos para os que teñen mellores condicións competitivas, abandonando o resto.
  • Substitución do policultivo polo monocultivo.
  • Maior investimento de capital para incorporar maquinaria (tractores, colleitadoras, motores para rega, etc.), produtos químicos (fertilizantes, herbicidas, praguicidas, etc.) ou sementes seleccionadas e transxénicas.
  • Forte incremento da superficie en regadío, que permite aumentar a produción.
  • Incorporación de novas técnicas de cultivo, como o enareado ou cultivo baixo plástico, que inclúe técnicas como o cultivo hidropónico.
  • Especialización e promoción de especies económicas, como por exemplo o eucalipto.
  • Intensificación e especialización da gandería.

A modernización agraria ten impactos positivos, como a maior produtividade, e impactos negativos se non se realiza axeitadamente, tales como:

  • Alteracións medioambientais: sobreexplotación de acuíferos e crecentes conflitos pola auga, contaminación de aire, solos e augas, eutrofización, malas condicións de vida dos animais, substitución de especies autóctonas e redución da biodiversidade.
  • Explotación dos traballadores (particularmente a poboación inmigrante).

Por estes motivos, na actualidade estase a promover unha explotación agraria sostible, tanto desde o punto de vista medioambiental como social.

Entradas relacionadas: