Locucións latinas: Guía completa e significado
Locucións latinas e o seu significado
As locucións latinas son expresións en latín que se utilizan no galego (e noutras linguas) conservando o seu significado orixinal. Moitas destas frases úsanse en contextos específicos, como o dereito, a filosofía ou a relixión. A continuación, preséntase unha lista de locucións latinas comúns, coa súa tradución e explicación:
A
- Ab aeterno: "Dende a eternidade", "Dende moi antigo".
- Ad kalendas graecas: "Para as calendas gregas". É dicir, nunca.
- Ad hoc: "Para isto". Axeitado, apropiado, xusto para o que se necesita.
- Ad libitum: "A gusto", "á vontade", "libremente". Suxeito á vontade de cada un.
- Ad multos annos: "Por moitos anos!". Exclamación: "Que dure moitos anos".
- Addenda et corrigenda: Addenda, "O que hai que engadir"; corrigenda, "o que hai que corrixir". Fe de erratas ao final dun libro.
- Alma mater: "Nai nutricia". Institución que vela polos cidadáns, que os alimenta (p.ex. a universidade), ou persoa relevante dentro dun grupo, que protexe ou coida dos demais. Esta locución era empregada na Antiga Roma para describir á Deusa Nai, como por exemplo a Ceres ou a Cibeles, e no Medievo para a Virxe María.
- Ave, Caesar, morituri te salutant: "Ave, César, os que van morrer saúdante". Saúdo ritual dos gladiadores cara ao emperador antes de comezar o combate.
B
- Bona fide: "Boa fe". No dereito de obrigas supón o cumprimento das prestacións estipuladas. Na orde procesual permite ao xuíz, cando indaga a súa existencia, apartarse da letra do contrato.
C
- Casus belli: "Causa de guerra". Motivo polo que empeza unha guerra ou un conflito.
- Cave canem: "Coidado co can". Inscrición na entrada de moitas casas romanas, gravada nun mosaico cun can atado por unha cadea.
- Conditio sine qua non: "Condición sen a cal non...". Condición necesaria, indispensable.
- Contra naturam: "Contra a natureza". Refírese a algo que a natureza non acepta, porque non é lóxico ou a forza dalgún xeito.
- Corpore insepulto: "Corpo sen sepultar". Dise do funeral que se celebra cando aínda non se enterrou o cadáver.
- Corpus delicti: "Corpo do delito": probas materiais da comisión do mesmo.
- Cum laude: "Con louvanza". Máxima cualificación académica.
- Cursus honorum: "Carreira dos honores". Sucesión das maxistraturas (cuestura, edilidade, pretura e consulado), que constituían a carreira política dun romano.
D
- De facto: "De feito". Lexitimidade outorgada polos feitos, oposto a de iure.
- De incognito: "Sen ser recoñecido", "que pasa desapercibido".
- De iure: "De acordo coa lei". Lexitimidade outorgada pola lei, oposto a de facto.
- Do ut des: "Dou para que me des". Fundamento das relacións con intereses recíprocos, como poden ser as dos homes e os deuses na relixión. Cabe dicir que existe outro latinismo que reflexa esta mesma idea pero para intercambio de favores ou calquera tipo de relación social; dito latinismo é quid pro quo.
- Dura lex sed lex: "A lei é dura, pero é a lei". Máxima que indica, ao falar dunha lei ou regra que costa cumprir, que non hai máis remedio que obedecela.
E
- Ecce homo!: "Velaí o home". Palabras de Pilatos aos xudeus. Presentación dun mesmo ou da persoa da que se está a falar e tamén representación escultórica de Cristo coroado de espiñas. Igualmente persoa malferida ou en penoso estado.
- Ex aequo: "Dende a igualdade". Premio compartido con igual mérito.
- Ex iure: "Segundo o dereito".
- Exempli gratia (e.g.): "Pola gracia do exemplo". Por exemplo. (Sinónimo: verbi gratia).
F
- Facta, non verba: "Feitos, non verbas".
- Fiat lux: "Que se faga a luz". Expresión creadora do Xénese. Emprégase por mor dun gran descubrimento, que fai que algo pase da noite ao día.
G
- Gratis et amore: "Desinteresadamente e por amor". Sen cobrar e con amor.
H
- Habeas corpus: "Teñas o corpo". Dereito de todo cidadán detido ou preso de comparecer inmediatamente ante un xuíz ou tribunal, para que, oíndoo, resolva se o seu arresto é legal ou non.
- Habent sua fata libelli: "Teñen o seu destino os libros". Frase que alude á importancia do lector na interpretación das obras literarias. O destino dos libros varía segundo o parecer do lector.
- Hic et nunc: "Aquí e agora". Emprégase para resaltar que hai que ter en conta que se está no momento presente.
- Homo homini lupus: "O home é un lobo para o home". Frase orixinaria de Plauto, popularizada polo filósofo Thomas Hobbes, que di que o egoísmo é básico no comportamento humano.
- Hora est iam de somno surgere: "É hora xa de espertar do sono".
- Horror vacui: "Horror ao espazo baleiro". Tendencia artística que non deixa ningún espazo baleiro.
I
- Ibidem (ibid.): "Alí mesmo". Emprégase xeralmente nas notas que se poñen nos escritos para non ter que repetir todas as indicacións do escrito de onde están tomadas varias citas. Só se escribe completo a primeira vez, na primeira nota.
- Imprimatur / Imprimi potest: "Imprímase", "Pode imprimirse". Fórmula de licenza que concede a autoridade eclesiástica para imprimir un escrito.
- In absentia: "En ausencia", "Por ausencia". Refírese a unha persoa ou dignidade a quen compete realizar un acto.
- In albis: "En branco". Cando a mente se queda en branco e non sabemos contestar. Dise tamén da persoa ignorante dalgunha cousa.
- In articulo mortis: "No momento da morte". Últimas vontades do defunto antes de morrer.
- In dubio pro reo: "En caso de dúbida, a favor do acusado". Principio xurídico.
- In flagranti / In flagranti delicto: "En ardente delito". No momento mesmo de cometer un delito.
- In itinere: "No camiño". A piques de conseguir algo, pero que aínda non se logrou.
- In illo tempore: "Naquel tempo". Comezo da lectura do Evanxeo. Noutro tempo.
- In medio virtus: "A virtude está no medio". É dicir, igualmente afastada dos extremos.
- In mente: "Na mente". No pensamento. Algo que aínda non se di, pero xa se pensa.
- In pectore: "No peito, no corazón". Utilízase nun nomeamento para un cargo: a persoa que ten que nomear o ten in pectore, sen dicilo; aínda non é oficial, pero ninguén ten dúbidas da persoa elixida.
- In saecula saeculorum: "Polos séculos dos séculos". Para sempre.