Mesquita de Córdoba e Alhambra de Granada: Arte e Historia
Clasificado en Arte y Humanidades
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,34 KB
A Mesquita de Córdoba
Construída durante a época do Califato, iniciada no 785 por Abderramán I e sufriu posteriormente ampliacións na época de Abderramán II, Alhaquén II e Almanzor. Esta última desprazou o eixo central, sinalado polo mihrab, cara á dereita.
Na mesquita de Córdoba destaca o seu sistema construtivo, sustentado sobre un bosque de columnas (514 en total), moitas delas reaproveitadas de edificios romanos. Para darlle máis altura ás naves, eleváronse sobre estas columnas pilares de base cuadrangular, adaptando a diferencia de altura con modillóns de rolos.
Para contrarrestar os empuxes laterais en soportes tan estreitos, úsanse arcos superpostos, os máis altos sosteñen a cuberta e os baixos actúan como arcos entibos, atando un soporte a outro, ao modo dos acueductos romanos. As doelas alternan as súas cores, imitando a alternancia de materiais (pedra e tixolo) que os romanos xa empregaran nalgunha das súas obras (acueducto dos Milagros, en Mérida).
A Macsura e o Mihrab están cubertas con bóvedas de crucería que non se cruzan no centro, senón que deixan un espazo poligonal que se cubre con cúpulas gallonadas. A través desta cuberta ábrense fiestras que serven para iluminar a sala. Aquí os arcos son máis decorativos, lobulados, apoiándose os superiores na clave dos inferiores.
A Alhambra de Granada
Exemplo cumio da arquitectura civil en Al-Ándalus, responde ás necesidades de residencia e edificio administrativo, no seo dunha primitiva fortaleza. A súa construción iniciouse durante o califato de Córdoba, pero foi baixo a dinastía Nazarí, nos séculos XIV e XV, cando se construíron a maior parte dos pazos e dependencias que a compoñen. Non se trata pois dun edificio feito de vez, senón un complexo palacial que foi sufrindo sucesivas transformacións e ampliacións ao longo de varios séculos.
Na Alhambra destacan as seguintes partes:
- A Alcazaba, a parte máis antiga, concibida como un castelo con torres rodeando un patio de armas. A súa función foi eminentemente militar.
- O Pazo de Comares, articúlase arredor dun amplo patio cun estanque. A súa función foi principalmente administrativa. A un lado sitúase o Mexuar, que conta co seu propio patio, e que cumpriu funcións de tribunal de xustiza. Nun dos lados do patio de Comares (ou dos "arrayanes") érguese unha gran torre que acolle o chamado salón de embaixadores, ou do trono. Esta sala ocupa todo o interior do edificio e está cuberta por un teito artesoado de madeira que representa a bóveda celeste, presidida polo trono de Alá.
- O Pazo dos Leóns articúlase arredor dun patio presidido por unha fonte composta por doce leóns que sosteñen unha pía de auga da que parten catro canles, simbolizando os catro ríos do paraíso. Correspóndese coa parte privada do pazo.
- Outros pazos anexos ou próximos son o do Partal (un dos primeiros en construírse, e que responde ao modelo dunha rica residencia islámica) e o Xeneralife (residencia de recreo, rodeada de hortas e xardíns, situada na parte alta do monte de Medína, onde se ergue a Alhambra).
As principais características deste pazo son:
- Uso do patio como elemento vertebrador das dependencias e das súas funcións. O patio dota dunha certa simetría a cada unha das diferentes áreas e serve de distribuidor, mantendo independentes as zonas públicas das privadas.
- A integración da arquitectura coa natureza. Tanta importancia como os edificios acadan os patios e xardíns. As dependencias ábrense ás áreas abertas mediante grandes pórticos. Abundan os muros calados e os amplos miradores, de xeito que se difuminan os límites entre os espazos interiores e exteriores.
- O uso da auga como elemento ornamental. Os patios contan con fontes e surtidores, e empréganse estanques como láminas de auga que reflicten as arquitecturas como un espello buscando acentuar a simetría. Tanto a auga como os xardíns teñen tamén un sentido simbólico, pois tratan de representar a idea do paraíso musulmán.
- A profusión na decoración, ocultando por completo os muros e os teitos con lacerías, atauriques, mocárabes e decoración caligráfica, con versículos piadosos e outros que ensalzan a figura do rei.