Narrativa galega: fins do s. XX e inicios do XXI
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,01 KB
A prosa de fins do s. XX e comezos do XXI
A produción prosística destas décadas está vencellada ao proceso de democratización das institucións, á consecución do status de oficialidade da lingua e ao seu posterior proceso de normalización en todos os ámbitos de uso.
1. A narrativa posfranquista
Nesta etapa predomina a evocación das memorias infantís. Destacan autores como:
- Xosé Fernández Ferreiro, autor de A morte de Frank González, considerada o primeiro western galego. Outras obras súas son: Morrer en Castrelo do Miño, Corrupción e morte de Brigitte Bardot, O Minotauro. En 1991 gaña o Premio Xerais con Agosto do 36, novela que recupera a memoria da Guerra Civil.
- Paco Martín publicou No cadeixo, na que presenta o ambiente dunha vila mariñeira; E agora cun ceo de lama, con maior dose de experimentalismo e presenza do marabilloso.
Outros autores destacados desta época son:
- Anxo Adolfo Rei Ballesteros (Dos anxos e dos mortos, Loaira, e máis recentemente Non sei cando nos veremos).
- Xoán Ignacio Taibo (Homes de ningures, Por tras dos meus ollos).
- Lois Diéguez (A canción da vagabundo, A casa de Galiaz).
2. A narrativa dos oitenta
Moitas das novelas dese período xiran en torno aos certames literarios, de tal xeito que se fala da "Promoción dos premios", na que habería que incluír autores como:
- Víctor Fernández Freixanes, dáse a coñecer con A caza das cascudas, coa que gaña o Premio Pedrón de Ouro en 1979; en 1981 gaña o Premio Blanco Amor con O triángulo inscrito na circunferencia.
- Xavier Alcalá, o seu lanzamento prodúcese coa publicación das súas dúas mellores obras: A nosa cinza e Fábula.
Pero esta década é tamén salientable polo inicio de novos subxéneros dentro da novela galega, como son:
- A novela negra: cómpre destacar a Carlos G. Reigosa, quen gaña o Premio Xerais en 1984 con Crime en Compostela.
- A narrativa feminina: destacan neste momento dúas novelistas:
- María Xosé Queizán, que volve á narración interesándose pola causa das mulleres en Amantia.
- Margarita Ledo Andión, que destaca polo seu activismo no feminismo e na política. Escribiu o libro de relatos Mamá – Fé.
- A narrativa experimental: vai ser Suso de Toro o principal cultivador deste tipo de narrativa, guiada polo vangardismo e a ruptura coa tradición e composta por textos fragmentarios que reflicten o caos que rexe na sociedade. De entre as súas novelas podemos destacar Caixón desastre.
3. A narrativa dos noventa
Neste decenio establécese de xeito definitivo o xénero novelesco dentro da literatura galega. Un dos feitos máis significativos desta década é a tendencia, xa iniciada nos oitenta, á diversificación xenérica, de xeito que ao lado dos xéneros da etapa anterior (novela negra), agroman outros, como son:
- A ficción futurista: dentro dela destaca Ramón Caride Ogando coa novela Soños eléctricos, gañadora do Premio Blanco Amor.
- A nova novela histórica: nesta década abandónase o tratamento alegórico da historia máis recente e tómanse episodios do pasado como pretexto para centrarse en temas psicolóxicos ou existenciais. Exemplos son: Mornig star de Xosé Miranda, e Un millón de vacas de Manuel Rivas.
- A narrativa experimental: nestas obras proliferan os rexistros máis variados, códigos doutros xéneros ou doutras artes e multiplicidade de voces dentro da mesma historia.
4. A narrativa infantil e xuvenil
Experimentou un notable avance nos últimos anos grazas á consolidación do galego no ensino e ao fomento de hábitos de lectura entre os rapaces. Cultivaron este tipo de narrativa algúns dos autores mencionados anteriormente e outros novos como Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey.
5. Últimos narradores
Nos últimos anos continúase traballando nas liñas narrativas iniciadas nos oitenta e consolidadas nos noventa, polo que estamos ante un panorama moi variado en canto a temas, formas e público. Mantéñense novelistas anteriores como Xelís de Toro, quen en Riofero reflexiona sobre a literatura mesma; e xorden novas voces como a de Rosa Aneiros, quen publicou Resistencia, ou Teresa Moure con Herba moura, na que aborda motivos feministas.