Reforma Agraria e Industrialización en España no S. XIX

Clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,46 KB

A reforma agraria liberal e as desamortizacións

No Antigo Réxime, diversas normas, leis e prácticas limitaban a produción agrícola e a propiedade da terra. Por iso, a burguesía liberal consideraba imprescindible unha reforma agraria para converter a propiedade da terra nun ben libre, privado, particular e individual. Para iso era preciso: abolir o réxime señorial e desamortizar as terras eclesiásticas e comunais.
A medida máis importante foi a desamortización dos bens de mans mortas eclesiásticos e dos baldíos e terras de comúns e propios dos concellos. O proceso desamortizador foi longo, debido á masa de bens afectados e ás disputas políticas e ideolóxicas.
Foi no reinado de Isabel II cando se realizou a transformación do réxime da propiedade. Neste proceso diferéncianse as seguintes fases:
  • 1835 – 1836: o progresista Mendizábal acometeu a desamortización eclesiástica mediante dous decretos que afectaron o clero regular. O de outubro de 1835 suprimiu os mosteiros das ordes monacais, coa excepción daquelas que prestasen servizos de auxilio social. O decreto de febreiro de 1836 vendía todos os bens raíces das institucións suprimidas.
  • 1841: Durante a rexencia do liberal progresista Espartero completouse a desamortización eclesiástica de Mendizábal.
A partir de 1844 os gobernos moderados paralizaron o proceso e asinaron o Concordato de 1851 polo que a Igrexa aceptaba as vendas a cambio de que o Goberno español sostivese economicamente o clero, e se considerase o catolicismo como a relixión do Estado.
  • 1855: Foi aprobada a Lei Xeral de Desamortización, presentada por Pascual Madoz. Iniciouse así a Desamortización civil, poñendo en venda os bens do Estado e dos concellos. Isto produciu os maiores cambios polo volume de terras que se puxeron en venda, así como polas consecuencias negativas para os campesiños máis pobres.
A desamortización puxo en venda o 20% do territorio español. Os principais compradores foron: nobreza terratenente, campesiños ricos e a burguesía comercial e administrativa. Estes grupos aumentaron o seu patrimonio e incrementaron o seu prestixio social.
No balance global da desamortización temos que:
  • Politicamente, o réxime de propiedade da terra transformouse e consolidouse o réxime liberal.
  • Socioeconomicamente as medidas desamortizadoras incrementaron os latifundios agrarios.
En Galicia a maioría das terras explotábanse mediante contratos de arrendamento de longa duración –os foros– campesiños, que non podían ser expulsados da terra, e a nobreza eran donos e titulares das terras. Ao mesmo tempo, a maioría dos montes comunais eran propiedade dos veciños, parroquias e aldeas.

Desigual evolución da agricultura en España

A pesar das medidas establecidas polos gobernos liberais, permaneceron vixentes os vellos sistemas de explotación agropecuaria. Esta falta de renovación impediu que se xerasen os excedentes precisos.
As desiguais condicións da agricultura en España pódense diferenciar:
  • Zonas que se especializaron en cultivos con saída ao mercado internacional. Levante especializouse nos cultivos froiteiros e hortícolas. A costa cantábrica e Galicia na produción de leite e Andalucía no aceite de oliva.
  • Zonas que permaneceron estancadas. Moitas zonas de Galicia mantiveron un minifundismo de subsistencia, mentres que en Castela e Aragón se mantivo o cultivo extensivo de cereais.

A diversidade rexional na industria

O desenvolvemento industrial en España presenta fortes desequilibrios rexionais.
  • Cataluña: Foi a principal rexión industrial. O seu desenvolvemento estivo fortemente ligado ao sector téxtil coa introdución do algodón. O seu crecemento estivo favorecido polo proteccionismo do mercado interior.
  • Andalucía e Levante: Intentouse crear en Andalucía unha siderurxia propia que fracasou polos elevados custos de produción.
  • Asturias e País Vasco: O sector clave na industrialización destas zonas foi a siderurxia.
    • En Asturias baseouse na explotación masiva do carbón con numerosas dificultades derivadas da calidade do mineral e do tipo de minas. Aplicouse unha política proteccionista que facilitou o seu crecemento.
    • No País Vasco, a industrialización xirou arredor da explotación do mineral de ferro, moi abundante e de calidade. A exportación de ferro xerou importantes capitais e isto, unido á importación de carbón barato británico, permitiu crear a partir das décadas finais do século XIX na ría de Bilbao o maior foco siderúrxico español. O País Vasco cunha potente industria química e metalúrxica de transformación, coa fabricación de todo tipo de máquinas e motores.
  • Galicia: Conserveira de peixe, de rápido crecemento a finais do século XIX e que arrastrou a outros sectores. A potenciación do sector partiu da renovación das técnicas de Pasteur e Appert. As conserveiras xiraban arredor da sardiña, que se convertía así na clave de todo o proceso. A construción naval e o desenvolvemento, a partir de 1900, da produción hidroeléctrica aproveitando a abundancia de cursos de auga.

O ferrocarril e a formación do mercado interior

A lexislación liberal procurou a construción de mellores vías de comunicación para conseguir un mercado interior cada vez máis integrado.
A introdución en España do ferrocarril, considerado como símbolo do progreso, foi tardía.
A Lei Xeral de ferrocarrís de 1855 deseñaba un trazado radial desde Madrid ata os puntos extremos.
O Estado concedeu vantaxes aos inversores privados, e contou, para o seu financiamento, con tres fontes de recursos: a subvención estatal, o capital dos accionistas e o líquido das propias compañías ferroviarias. Na construción dos trazados ferroviarios diferéncianse varias fases:
  • Antes de 1855: Barcelona, Madrid e Asturias.
  • 1855 – 1865: construción das principais vías.
  • 1866 – 1876: paralización da construción de novas vías.
  • 1877 – 1895: relanzamento da construción ferroviaria.
  • 1896 – 1936: continuou a tendencia anterior, pero con moita lentitude.

Entradas relacionadas: