Rosalía de Castro: 'Cantares' e 'Follas Novas'
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,34 KB
Análise de Cantares Gallegos
Cantares Gallegos é un libro publicado na primavera de 1863, dedicado a Manuel Murguía e datado o 17 de maio, aniversario do literato. Foi impreso en Vigo por Juan Compañel. Contén 32 poemas na primeira edición, 36 na segunda (coordinada por Rosalía) e 38 na terceira (coordinada por Manuel Murguía).
No prólogo, exponse o obxectivo do libro: un intento de defensa ante o ataque secular a Galicia. Ten unha motivación patriótica e de exaltación da beleza do país, dos galegos e da propia paisaxe.
O poemario triunfará pola súa calidade literaria, a súa gran musicalidade e ritmo. Posúe tamén un forte sentimento galego que conmoverá á xente. Rosalía creará escola e vinculará o seu nome a Galicia.
O libro está baseado no folclore galego, como indica o seu título. A fonte de inspiración (literaria e lingüisticamente) dos poemas son diversos cantares populares cos que ela crea a súa obra. Hai, polo tanto, unha fusión entre literatura culta e popular.
Existe un diálogo entre o primeiro e o último poema. No primeiro, aparece a voz dunha nena á que se lle pide que cante a Galicia. No último poema volve aparecer a voz da nena para dicir que cumpriu a súa promesa e que cantou a Galicia como soubo facer.
Entre ambos os poemas desenvólvese o libro. Aparecen unha serie de poemas cun gran peso popular e plásmanse neles as ideas do prólogo. Falarase do amor (en abundancia), de supersticións, de festas, etc.
O libro contén algúns poemas políticos e ideolóxicos que impiden que se clasifique como un poemario folclórico, algo que estaba de moda naquela época. Dous destes poemas son Adiós ríos, adiós fontes e A gaita gallega, que tratan a emigración galega. Tamén hai outro par de poemas de temática intimista nos que se fala de Rosalía.
Rosalía puido inspirarse en diversos textos para desenvolver o seu libro, pois a poesía folclórica era recorrente na época.
Análise de Follas Novas
Follas Novas é un libro publicado en 1880, 17 anos despois de Cantares Gallegos, pero foi escrito durante a etapa na que Rosalía viaxou por España con Murguía. 1880 será un ano importante pola publicación deste libro, que acompaña a Aires da miña terra e a outros dous libros, un deles unha novela.
O libro editouse na Habana e foi costeado polos emigrantes galegos en Cuba. O editor foi Alejandro Chao, un vigués amigo de Rosalía e Murguía e de Juan Compañel.
O poemario é moito máis extenso ca Cantares Gallegos e estrutúrase en cinco libros con título: Vaguedás, ¡Do íntimo!, Varia, Da terra e As viudas dos vivos e os mortos. As dúas primeiras partes teñen unha temática intimista, as dúas últimas presentan unha temática máis social e a terceira é unha mestura de ambas. É, polo tanto, unha poesía totalmente diferente da do seu primeiro libro.
En Varia atopamos algúns poemas semellantes aos de Cantares Gallegos, pero non son iguais, xa que é unha literatura máis radical.
Nas dúas primeiras partes e nalgúns poemas da terceira aparece unha poesía tremendamente intimista. Rosalía retrátase como unha persoa asoballada e moi sensible.