Teatro Galego 1950-1976: Autores e Obras
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,08 KB
O Teatro Galego entre 1950 e 1976
O Teatro en Galicia entre 1950 e 1965
Na década dos cincuenta aparece en Galicia un teatro que desexa transcender a propia realidade física e social dos autores, para presentar conflitos, situacións e personaxes cunha proxección universal, ofrecendo unha visión escura e conflitiva do mundo e da existencia. Trátase dun teatro máis para ler que para ser representado.
Álvaro Cunqueiro
O seu teatro caracterízase polo clasicismo, inspirándose en Shakespeare. Por exemplo, O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca supón unha reinterpretación do mito clásico a partir dun protagonista condicionado polo destino, cuxa vida xira arredor da vinganza. A obra remata co suicidio do príncipe ao descubrir a súa verdadeira identidade: ser fillo do usurpador Halmar. Destacamos tamén A noite vai coma un río, onde a protagonista agarda polo seu amante, que se atopa na guerra; ao final da obra resulta non existir.
Ricardo Carballo Calero
Profesor da Universidade de Santiago, cultiva todos os xéneros. A súa obra dramática, de carácter experimental, está composta por pezas próximas ao teatro do absurdo ou de orientación psicolóxica e existencial nas que predomina o simbolismo. O máis importante da súa produción neste xénero chegaría na década dos sesenta:
- A sombra de Orfeu
- A farsa das zocas
- A árbore
- Auto do prisioneiro
Xenaro Mariñas del Valle
Precursor do teatro social con obras como A chave na porta e A revolta. A súa extensa obra dramática caracterízase por presentar pezas de carácter simbólico nas que se amosa unha visión tráxica da existencia (A revolta, A obriga, Loucura e morte de peregrino). Pezas como O triángulo ateo conforman a súa produción experimental e vangardista.
Teatro entre 1965 e 1976 (Grupo de Ribadavia)
Nesta etapa nace un teatro que se enfronta ao anterior. Xorden unha serie de compañías independentes, ligadas ao movemento estudantil e ás asociacións galegas, (O Facho, Artello, Antroido, Troula...) que pretenden crear unha dramaturxia moderna. A I Mostra de Teatro de Ribadavia fará deste enclave a plataforma fundamental para os grupos teatrais galegos: Teatro de Cámara Ditea, Teatro Popular Galego, Teatro Circo…
Manuel Lourenzo
Unha das figuras máis grandes e prolíficas (escribiu máis de 60 obras).
- Ciclo mítico: pezas nas que se recrean personaxes míticos do teatro grego: Romaría ás covas do demo, Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca ou Electra.
- Ciclo histórico: obras nas que aparecen personaxes históricos (Xoana).
- Ciclo da dramática urxente: composto por pezas de teatro crítico ou experimental (Magnetismo, A estratexia do narco, Veladas indecentes).
Roberto Vidal Bolaño
Dedicado exclusivamente ao teatro, comeza escribindo Laudamuco, señor de ningures, obra en clave esperpéntica que analiza a figura do tirano que se encontra no declive do seu poder. Ledaíñas pola morte do meco emprega as formas parateatrais do Entroido para criticar e loitar contra todos eses poderes que manteñen sometida a Galicia. O drama social Cochos emprega o realismo burlesco para deixar patentes os males da sociedade. Incluímos tamén as obras Días sen gloria e Saxo tenor.
Euloxio Rodríguez Ruibal
Autor de teatro experimental e dramaturgo infantil. Na súa traxectoria distinguimos tres etapas:
- Parábolas nas que utiliza técnicas da linguaxe cinematográfica: Zardigot e O cabodano.
- Obras cómicas: Azos de esguello, sátira sobre a corrupción no poder, e Unha macana de dote.
- Traxedia alegórica: Maremia.