Vangardas en Galicia: Poesía do Século XX

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,73 KB

A poesía de vangarda

O nacemento do século XX e a modernización literaria

O nacemento do século XX supón para Galicia un cambio importante no eido literario. Prodúcese un movemento xeneralizado de modernización na nosa literatura a todos os niveis. A poesía non foi allea a este proceso. Así, a comezos do século prodúcense no ámbito poético, coa coñecida xeración do 25, os primeiros intentos de achegamento aos movementos de vangarda europeos e a superación da poesía feita no Rexurdimento. É o momento de publicación de revistas (Yunque, Alfar…), nas que se presentan as ideas vangardistas, e de obras de clara influencia surrealista ou creacionista. Tamén sae do prelo o primeiro manifesto poético galego, o manifesto Máis alá!.

Tendencias da vangarda galega

O movemento vangardista galego non é tan rupturista como o europeo, xa que a realidade do galeguismo non aconsellaba tal posicionamento. Dentro do movemento vangardista galego podemos distinguir varias tendencias ou correntes:

  • Vangarda plena: representada polo creacionismo de Manuel Antonio (sería a verdadeira vangarda galega), o ultraísmo de Euxenio Montes e o surrealismo de Cunqueiro.
  • Vangarda matizada: representada polo movemento hilozoísta de Amado Carballo.
  • Vangarda creacionista: representada polo neotrobadorismo de Bouza Brey e Cunqueiro.

O neotrobadorismo

A popularización dos cancioneiros medievais supuxo para as novas voces poéticas o achegamento á nosa lírica medieval. Os poetas recuperan características da poesía medieval e trasládana a poemas actuais. É o caso de Bouza Brey e do seu poemario Nao senlleira. Outro xeito de adoptar a lírica medieval é a recreación do medievo en poemas que reproducen as formas e os estilos destas composicións. Segue esta tendencia Álvaro Cunqueiro con obras como Cantiga nova que se chama ribeira ou Dona do corpo delgado.

O hilozoísmo de Amado Carballo

A presenza da natureza e a sensualidade vai ser unha das constantes do hilozoísmo. Este ismo ten o seu máximo representante no poeta pontevedrés Amado Carballo. En Proel e O galo atopamos a sucesión de imaxes como cerna do poema, a natureza humanizada e a presenza de rimas e metros tradicionais.

O creacionismo de Manuel Antonio

O movemento máis rupturista nos ismos galegos foi o creacionismo. Este movemento ten como único representante a Manuel Antonio. O poemario máis importante dentro da súa produción é De catro a catro. O poeta de Rianxo introduce na poesía galega léxico mariñeiro que ata ese momento estivera á marxe da lírica, constrúe os seus poemas a partir da sucesión de imaxes e converte o mar no seu mundo poético, un mar estático e poetizado a través da súa imaxe interior. Malia ser o poeta máis rupturista, a súa poesía está chea de sentimentos e non chega a conseguir que os seus poemas sexan realidades completamente autónomas, tal e como se recolle nos principios do vangardismo europeo.

O surrealismo de Álvaro Cunqueiro

O derradeiro movemento europeo que ten a súa pegada no vangardismo galego é o surrealismo, da man do poeta mindoniense Álvaro Cunqueiro. No seu Poemas do si e do non reproduce inocentemente o automatismo deste movemento.

Luís Pimentel e a morte

Non se pode pechar o vangardismo sen facer mención ao poeta lugués Luís Pimentel, quen a través do seu mundo poético interior trata o tema da morte coa sensibilidade especial de quen se enfronta con ela acotío. Os seus poemas aparecen recollidos no poemario Sombra do aire na herba.

Entradas relacionadas: